A Feira de San Marcos da Fonsagrada volve o 25 de abril con poxa e degustación de carne

A Fonsagrada celebrará o vindeiro sábado 25 de abril de 2026 unha nova edición da Feira de San Marcos, unha cita destacada no calendario gandeiro da comarca que reunirá profesionais do sector e público en xeral arredor da tradición e a promoción das razas autóctonas.
O evento terá lugar no mercado gandeiro comarcal e contará cun programa que inclúe a participación de distintas razas de gando, consolidando esta feira como un espazo de referencia para o encontro entre criadores e afeccionados.
Entre as actividades previstas destaca a celebración dunha poxa de xovencas de raza Rubia Galega organizada pola ACRUGA, en colaboración co Concello da Fonsagrada e a Deputación de Lugo; así como unha degustación gratuíta de Tenreira Galega Suprema, co obxectivo de poñer en valor a calidade dos produtos cárnicos da zona.
A poxa será ás 12.00 horas e as persoas interesadas poderán recoller as súas tarxetas de participación desde unha hora antes do inicio da subasta, mentres que a Caixa Rural Galega ofrecerá unha axuda de 200 euros para a compra das reses, co obxectivo de facilitar as transaccións.
Este tipo de poxas mantén unha evolución positiva no mercado, tras os bos resultados rexistrados noutras citas da tempada, como a celebrada en Boimorto, onde os tres exemplares adxudicados acadaron unha media de 3.833 euros, por riba do prezo de saída fixado en 2.900 euros. Na primeira poxa do ano, celebrada en Becerreá, a media situouse en 3.500 euros.
A de A Fonsagrada está considerada unha das subastas máis relevantes e con maior tradición dentro do calendario de ACRUGA, que confía en manter a boa tendencia de prezos e interese entre gandeiros e gandeiras.
A Feira de San Marcos reafírmase así como unha cita clave para o sector primario local, contribuíndo á dinamización económica e á promoción do medio rural.