A Fonsagrada estrena unha nova glorieta e mellora o acceso pola LU-530

LugoXa
A actuación, cun investimento de 223.000 euros, inclúe beirarrúas, cinco prazas de aparcamento e iluminación LED
Rotonda-Fonsagrada
15 Sep 2026

A Fonsagrada conta xa cunha nova glorieta na LU-530, na confluencia coas estradas LU-730 e LU-740, tras rematar os traballos de construción e acondicionamento do acceso á vila. A actuación supuxo un investimento de 223.000 euros.

A intervención incluíu tamén a reforma dos primeiros metros do ramal da LU-730, con novas beirarrúas, cinco prazas de aparcamento e iluminación LED. Durante a primeira fase das obras, tamén se colaborou na renovación das redes municipais de abastecemento e saneamento.

A glorieta ten un diámetro exterior de 30 metros e conta con beirarrúas, céspede artificial na zona central, unha columna con catro proxectores LED e letras decorativas luminosas de benvida á vila. A zona forma parte, ademais, da traza do Camiño Primitivo.

A actuación terá continuidade coa humanización da LU-730, para a que a Xunta achegará preto de 200.000 euros e cederá ao Concello a titularidade da vía, correspondente á rúa Maior do núcleo urbano.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou o resultado dos traballos e mantivo unha reunión co alcalde, Carlos López. Durante o encontro tamén repasou outros investimentos autonómicos no municipio, entre eles os 226.700 euros do Plan Camiña Rural para a mellora de pistas municipais nas convocatorias de 2025 e 2026.

0.16068196296692