A Fonsagrada xa prepara a edición 2027 do Trail do Inverno tras consolidarse como unha referencia do trail galego

O Trail do Inverno regresará o 23 de xaneiro de 2027 á montaña lucense coa celebración dunha nova edición na Fonsagrada, que volverá converterse no punto de partida da tempada de trail en Galicia.
A organización confirmou xa a posta en marcha do #TTB27, unha cita deportiva que continúa medrando ano tras ano e que conta co apoio da Deputación de Lugo. A competición consolidouse nas últimas edicións como unha das referencias do trail galego, chegando a superar os 800 participantes.
Na edición celebrada este 2026, o programa incluíu diferentes modalidades adaptadas a distintos niveis. Entre elas figuraban unha andaina de 16 quilómetros e 800 metros de desnivel positivo, o Trailiño de 18 quilómetros e 1.000 metros de desnivel positivo e o Trail das Seimeiras, cun percorrido de 30 quilómetros e 1.650 metros de desnivel positivo.
A principal novidade deste ano foi a incorporación da proba Ultra Terras de Burón, cun esixente trazado de 58 quilómetros e 3.000 metros de desnivel positivo, ampliando así a oferta competitiva do evento.
Ao igual que en edicións anteriores, a organización habilitou distintos servizos para facilitar a participación e mellorar a experiencia das persoas asistentes. Entre eles destacaron os puntos de avituallamento con produtos típicos da Fonsagrada, gardarroupa, servizo de gardería e unha área de inchables para nenos e nenas.
A organización asegura que continuará traballando para mellorar o evento e seguir facendo do Trail do Inverno unha cita deportiva e turística de referencia no territorio.