A Galería Solaina inaugura unha exposición coas creacións do alumnado de Telarete Ceramic

LugoXa
'Barro e xente, xente e barro' abrirá este xoves na Casa dos Cravos para reivindicar a cerámica como ferramenta de creación colectiva e transmisión de saberes
Telarete-Ceramic
23 Jul 2026

A Galería Solaina e Telarete Ceramic inaugurarán este xoves, 23 de xullo, ás 21.00 horas, a exposición Barro e xente, xente e barro, unha mostra que reúne unha selección de pezas realizadas polo alumnado das aulas de cerámica de Telarete Ceramic e que pon en valor os espazos comunitarios como lugares de creación, aprendizaxe e intercambio de coñecementos.

A exposición nace da colaboración entre ambos os proxectos, que comparten sede na Casa dos Cravos de Lugo como dous espazos dedicados á creación artística, á experimentación e ao encontro entre persoas. A través das obras expostas, a mostra pretende destacar non só os resultados do proceso de aprendizaxe, senón tamén as relacións e os vínculos que se xeran arredor do traballo co barro.

Barro e xente, xente e barro reivindica a cerámica como unha práctica colectiva na que o coñecemento se transmite de persoa a persoa mediante a experiencia, a observación e o acompañamento. Neste sentido, a iniciativa subliña a importancia de manter vivos os oficios e os saberes manuais a través de comunidades de aprendizaxe nas que cada proceso individual contribúe a unha experiencia compartida.

As pezas reflicten a diversidade de linguaxes, estilos e percorridos das persoas participantes, unidas polo respecto aos tempos do material, a aprendizaxe colectiva e a vontade de explorar a cerámica como ferramenta de expresión.

0.12230491638184