A Garda Real despregará máis de 500 efectivos en Lugo nun exercicio táctico entre o 5 e o 10 de maio

A Guardia Real levará a cabo un exercicio táctico en Lugo entre os días 5 e 10 de maio, no que despregará todas as súas unidades nunha operación que contará con máis de 500 efectivos, máis de 35 vehículos, 15 motocicletas Harley Davidson, 64 cabalos e 12 cans.
A cidade acollerá a xefatura e o Estado Maior, así como os grupos de Honras, Escoltas, a Unidade de Música e un grupo mixto con capacidades de loxística e apoio, nun dispositivo que permitirá traballar sobre o terreo diferentes capacidades operativas.
Os exercicios e actividades, que se desenvolverán durante varias xornadas, teñen como principal obxectivo o adestramento das unidades, mellorando aspectos como o mando e control, a coordinación, o transporte ou o apoio loxístico. Ademais, realizaranse prácticas como marchas a pé, a cabalo e en moto, exercicios con embarcacións pneumáticas e outras manobras propias da actividade militar en distintos contornos.
Paralelamente, a Garda Real abrirá parte da súa actividade á cidadanía co obxectivo de achegar o seu labor á sociedade. Neste sentido, programaranse distintas exhibicións en varios puntos da cidade, que comezarán cunha exposición no Círculo de las Artes de Lugo entre o 30 de abril e o 9 de maio.
Como peche das demostracións, o venres 8 de maio pola tarde celebrarase unha exhibición dinámica no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Ademais, a Unidade de Música ofrecerá un concerto na praza de Santa María o sábado 9 ás 18:30 horas.
O exercicio concluirá o domingo 10 de maio cunha xura de bandeira aberta ao público no parque Rosalía de Castro ás 12:00 horas.