A igrexa de Castroverde acolle unha exposición de fotografía antiga
O venres día 20, ás 12 da mañá, na igrexa parroquial de Castroverde terá lugar o acto inaugural de exposición de fotografía antiga Castroverde: unha volta ao pasado, resultado do concurso previo convocado pola Concellaría de Cultura e no que participaron un total de 180 fotografías.
Esta actividade ten como obxectivo principal a recuperación da memoria do municipio a través das imaxes do pasado relativas á vida social das súas xentes e do imaxinario colectivo que conforma a identidade do noso Concello, propiciando un maior coñecemento das nosas raíces comúns nun momento de profunda transformación dos modos de vida e do propio entorno.
Deste xeito, a documentación gráfica e a información reunida pasará a formar parte de un arquivo municipal sobre a memoria de Castroverde que será custodiado no propio concello con fins culturais e educativos.
A exposición (distribuída en diferentes paneis temáticos que abordan temas relativos a cerimonias e costumes, espectáculos, faenas do campo, romarías tradicionais, retratos da emigración e xuntanzas veciñais ou familiares, tipos populares, patrimonio monumental, emigración, educación e diversos sucesos e curiosidades) permanecerá aberta ao público nas semanas vindeiras, tendo vontade de continuidade en anos sucesivos.