A II Foliada do Emigrante reunirá música tradicional e festa durante toda unha xornada no Cádavo

LugoXa
Baleira celebrará o 1 de agosto unha programación con actuacións, feira de artesanía, comida popular e un concerto de Ardentía
Festa-foliada-Emigrante-Baleira-26
Actualizada el 30 julio 2026, 07:26 horas
28 Jul 2026

A Praza do Cádavo acollerá este sábado a segunda edición da Festa-Foliada do Emigrante de Baleira, unha iniciativa organizada pola Asociación Cultural Toxo Queimado coa colaboración da Deputación de Lugo que volverá converter o municipio nun punto de encontro para veciños, emigrantes retornados durante o verán e visitantes.

O deputado Miguel Fernández presentou a programación no Pazo de San Marcos xunto ao representante da asociación, Javier Núñez. Durante a presentación destacouse o carácter cultural e social dun evento que busca fortalecer os lazos entre as persoas que residen en Baleira e aquelas que, por mor da emigración, viven fóra pero regresan á súa terra durante a época estival.

A xornada arrancará ás 11:00 horas coa apertura dunha feira de artesanía. Ás 12:00 horas, a Asociación Cultural Toxo Queimado ofrecerá a actuación inaugural e ás 13:00 horas a Charanga Os Sureños será a encargada de amenizar a sesión vermú. A programación continuará ás 14:00 horas cunha comida popular e, xa pola tarde, desde as 17:00 horas, sucederanse as actuacións de Toxo Queimado, Son de Cores e AC Deiqui, que achegarán ao público música e baile tradicional galego.

Ás 20:00 horas subirán ao escenario os integrantes de A Volta do Agro, mentres que Toxo Queimado regresará ás 21:00 horas. A recta final da celebración estará protagonizada polo concerto de Ardentía, previsto para as 22:00 horas, e pola sesión musical de DJ Valiño, que comezará ás 23:30 horas e pechará unha programación continua pensada para todos os públicos.

A achega económica da institución provincial permitirá garantir os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento da actividade, asegurando as condicións de calidade e seguridade requiridas nun evento que contará coa participación de diferentes agrupacións musicais e culturais ao longo de toda a xornada.

Desde a Deputación subliñan que esta colaboración forma parte do compromiso da institución co tecido asociativo da provincia e co apoio a iniciativas que contribúen á conservación e difusión do patrimonio cultural inmaterial. Ademais, destacan o papel destas actividades na dinamización económica dos concellos, no fortalecemento da identidade local e no fomento da participación cidadá.

A Asociación Cultural Toxo Queimado, entidade sen ánimo de lucro que reúne preto dun cento de persoas asociadas, conta cunha ampla traxectoria na promoción da cultura tradicional galega. No seu seo intégranse unha banda de gaitas, grupos de pandeireteiras, baile e canto tradicional, ademais doutras formacións musicais, desenvolvendo ao longo do ano numerosas actividades de formación, divulgación e participación cultural.

0.14832901954651