A Librería Trama organiza dúas actividades arredor da novela 'A lingua estranxeira', de Brais Lamela

LugoXa | SarriaXa
O club de lectura de Lugo Patrimonio e Trama reúnese para comentar a obra, mentres que o autor a presentará o sábado 21 acompañado de María Casar
cartel libro A lingua estranxeira Trama
20 Nov 2026

A Librería Trama de Lugo organiza dúas actividades arredor de 'A lingua estranxeira', a novela de Brais Lamela publicada por Editorial Galaxia. A programación incluirá unha sesión do club de lectura de Lugo Patrimonio e Librería Trama e unha presentación aberta ao público coa participación do autor.

A primeira cita é este venres 20 de novembro, ás 17:00 horas, cando o club de lectura se reúna para comentar a obra. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico info@libreriatrama.com.

A segunda actividade terá lugar o sábado 21 de novembro, ás 12:30 horas, na propia librería. Brais Lamela presentará a novela acompañado da sarriá María Casar, presidenta da Asociación Ergueitas.

'A lingua estranxeira' parte da viaxe de dous mozos que se perden nun territorio alleo mentres buscan un antigo asentamento colonial e foxen dos incendios. A partir deste punto, a narración abre diferentes liñas argumentais que conectan historias de viaxeiros, relacións persoais e figuras marcadas pola violencia colonial.

A obra, construída a través de catro liñas narrativas, aborda cuestións como a memoria, a restitución, o legado do colonialismo e a linguaxe como ferramenta para destruír e reconstruír mundos. Unha proposta literaria que combina a crónica íntima coa novela histórica e que mantén unha conexión co presente político.

0.11373996734619