A lucense Paula Noya doará unha serie das súas esculturas ao Museo
O Museo Provincial de Lugo enriquecerá a súa colección artística nos próximos meses coa incorporación dunha nova serie de esculturas doadas pola artista lucense Paula Noya. A deputada de Cultura, Iria Castro, reuniuse coa directora do museo, Aurelia Balseiro, e con Noya para coñecer os detalles do proxecto El Hilo de Cloto, que será exposto nas instalacións do museo nas próximas semanas.
Esta doazón inclúe catro esculturas de ferro realizadas en 2015, que levan por título “Esfera de Platina”, “Esfera de cadenas”, “Esfera de espino” e “Esfera de Hierro”. As esculturas, que teñen un diámetro entre 80 e 30 centímetros, estarán acompañadas por catro debuxos a lapis en papel, de 100x100 centímetros, creados en 2014, e pola fotografía "Las Parcas", unha obra de 160x60 centímetros sobre papel montada sobre aluminio.
Iria Castro destacou a relevancia desta doazón no contexto do programa "Recoñecer, Representar e Redistribuír", que busca apoiar e dar visibilidade ás mulleres artistas nos museos provinciais. "El Hilo de Cloto" súmase así a outras iniciativas recentes, como a escultura de Soledad Penalta exposta nos xardíns do museo, que reflicte a loita das mulleres pola igualdade, e a obra "Todo é ilusión" de Pamen Pereira, exhibida no Pazo de Tor.
A deputada agradeceu a xenerosidade de Paula Noya e subliñou que esta doazón reflicte o compromiso do Museo Provincial e da Rede Museística coa valorización do traballo das artistas galegas. Segundo Castro, “a peza indaga sobre o destino e a capacidade do ser humano para cambialo, demostrando unha profunda reflexión sobre a vida e o libre albedrío”.
O proxecto está inspirado en Cloto, unha das tres Moiras da mitoloxía grega, coñecidas como as Parcas. Cloto, a máis nova, é a encargada de fiar os fíos que representan a vida humana, onde se combinan o fío branco (a vida), o dourado (a felicidade) e o negro (a dor). Este mito serve como base para a reflexión artística de Noya sobre o destino e a liberdade dos seres humanos para enfrontar os seus momentos de felicidade e dor.