A Lugo Monumental abre as inscricións para a súa XXIII edición, que se celebrará o 20 de decembro

LugoXa
A carreira popular 10K Lugo Monumental – Gran Premio CaixaBank manterá o percorrido arredor da Muralla, cunha volta polo adarve, e limitará a 1.200 os participantes adultos
presentacion carreira Lugo-Monumental-26
19 Nov 2026

Lugo volverá despedir o ano deportivo coa celebración da XXIII carreira popular 10K Lugo Monumental – Gran Premio CaixaBank, prevista para o domingo 20 de decembro. As inscricións xa están abertas para unha proba que constitúe unha das citas destacadas do calendario deportivo lucense e que está organizada pola Concellería de Deportes, Xuventude e Infancia.

A carreira contará cun percorrido de aproximadamente dez quilómetros, parcialmente circular arredor da Muralla, e conservará un dos seus elementos máis singulares: unha volta completa polo adarve. A zona de saída e meta estará situada na avenida de Ramón Ferreiro, xunto á Praza Horta do Seminario, onde tamén se establecerá o centro de operacións da organización. Ademais, habilitaranse caixóns de saída en función dos tempos dos corredores, que deberán indicar esa información durante o proceso de inscrición.

A programación comezará ás 11:00 horas coas categorías Pitufos e Sub 8, que percorrerán 250 metros. Ás 11:10 horas será a quenda de Sub 10 e Sub 12, cun trazado de 950 metros, mentres que Sub 14 e Sub 16 sairán ás 11:20 horas para completar 1.900 metros. A carreira de adultos, para participantes nados en 2008 e anos anteriores, comezará ás 11:30 horas e terá unha distancia de 10.000 metros.

O percorrido da categoría absoluta partirá da avenida de Ramón Ferreiro e continuará pola rúa Ángel López Pérez e a Ronda da Muralla, pasando pola Mosquera. Tras desviarse cara a Recatelo e percorrer varias rúas da cidade, os atletas regresarán á avenida de Ramón Ferreiro para completar unha primeira parte do trazado e pasar pola liña de meta. A continuación, volverán cara á Muralla para acceder ao adarve pola Porta de Santiago e realizar unha volta completa. Despois da baixada, a carreira continuará pola praza de Pío XII, a rúa Bo Xesús, a praza de Santa María e outras vías do centro histórico antes de regresar a Ramón Ferreiro, onde estará situada a meta.

A participación na categoría adulta estará limitada a 1.200 atletas, mentres que as inscricións para as categorías de menores serán gratuítas. O prazo para anotarse rematará o domingo 13 de decembro.

En canto aos premios da carreira absoluta, os tres primeiros clasificados, tanto na categoría masculina como na feminina, recibirán un trofeo, unha medalla de ouro, prata ou bronce, segundo a posición, e un lote de produtos de Torre de Núñez. Nas categorías adultas haberá trofeo para o primeiro clasificado de cada unha e medallas de prata e bronce para o segundo e o terceiro, respectivamente. Os tres primeiros postos das categorías de menores tamén terán trofeo e medallas.

A proba contará ademais con recoñecementos especiais. O Gran Premio Diario El Progreso distinguirá os atletas masculino e feminino que consigan o mellor tempo parcial na volta ao adarve da Muralla. O Trofeo CaixaBank será para o atleta máis veterano e a atleta máis veterana que completen a carreira absoluta. Por último, entregaranse lotes de Torre de Núñez aos participantes que ocupen os postos 300, 600, 900 e 1.200 da clasificación xeral final, que se publicará no diario El Progreso ao día seguinte da carreira.

0.20364284515381