A Mancomunidade do Camiño Francés reivindica en Arzúa o seu valor como arteria cultural de Europa

GaliciaXa | LugoXa | SarriaXa
O eurodiputado socialista Nicolás González Casares reivindica o valor europeo do Camiño e advirte sobre a protección da paisaxe nos últimos quilómetros da ruta
Nicolás-Casares-PSOE-Camiño-Francés-Arzúa
14 Feb 2026

A Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés celebrou en Arzúa un acto institucional no que, por primeira vez nos seus 25 anos de traxectoria, recibiu a visita de eurodeputados galegos. O encontro serviu para poñer en valor a dimensión europea da ruta xacobea e o seu papel histórico e político na construción dunha identidade compartida.

O acto tivo como momento central a lectura dun manifesto por parte da presidenta da Mancomunidade, Begoña Balado Conde, no que se reivindicou o Camiño Francés como arteria principal de Europa e como un dos piares da cultura europea. Xunto a González Casares participou tamén o eurodeputado Francisco Millán Mon. A xornada contou ademais coa presenza do director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa Montenegro, e de representantes dos once concellos que integran a Mancomunidade.

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares destacou a vixencia cultural e política do Camiño e subliñou que, tras 40 anos da integración de España na Unión Europea, é posible avaliar con perspectiva o avance experimentado como país e como sociedade. Na súa intervención afirmou que o Camiño de Santiago é moito máis que unha ruta de peregrinación, ao consideralo un dos elementos centrais na configuración dunha conciencia europea baseada no encontro entre pobos e no respecto mutuo. “O Camiño é paz, Europa é paz e tamén democracia”, proclamou.

Para González Casares, a conexión entre o Camiño e a Unión Europea é profunda, xa que ambos proxectos contribúen a tecer vínculos e consolidar cooperación e dereitos. Ao seu xuízo, tanto a pertenza á UE como a defensa do Camiño constitúen cuestións irrenunciables para Galicia.

O eurodeputado incidiu tamén na necesidade de preservar o patrimonio e a paisaxe vinculados á ruta xacobea. Sostivo que o Camiño non pode entenderse sen o respecto polo territorio e lembrou que a normativa europea tampouco avala transformacións ambientais drásticas. Defendeu que o desenvolvemento industrial é posible, pero non a calquera prezo, reiterando a súa oposición ao proxecto de Altri e chamando á reflexión sobre os cambios experimentados nos últimos 50 quilómetros do percorrido, co risco de que a contorna derive nun monocultivo de eucaliptos.

⚙ Configurar cookies
0.10452890396118