A Mariña acollerá a XIII edición do Festival Bal y Gay con 14 concertos de música clásica entre o 5 e o 21 de agosto

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Deputación de Lugo patrocina a cita musical que levará actuacións a distintos espazos da comarca e incluirá por primeira vez un concerto no Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo
presentacion-festival-bal-y-gay
14 Jul 2026

A Mariña volverá converterse este verán nun escenario para a música clásica coa celebración da XIII edición do Festival Bal y Gay, que terá lugar do 5 ao 21 de agosto con 14 concertos en diferentes espazos da comarca e unha actuación no Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo.

A presentación da cita tivo lugar no edificio CENIMA de Foz, nun acto no que participou o Deputado de Recursos Sostibles e alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, xunto coa directora do Festival Bal y Gay, Alba Rodríguez; o presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeras; e a presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Rocío López, entre outras autoridades.

A Deputación de Lugo colabora nesta edición cun patrocinio económico de 12.000 euros. Segundo destacou Cajoto Caserío, o Festival Bal y Gay “ten un significado especial” para Foz, xa que a iniciativa naceu na parroquia de Nois e, co paso dos anos, converteuse nun referente da música clásica en España.

O Deputado de Recursos Sostibles sinalou que o festival leva “a excelencia a escenarios únicos da Mariña” e que contribúe a que milleiros de persoas escollan a comarca durante o verán tamén pola súa oferta cultural. “Como Alcalde de Foz síntome especialmente orgulloso de formar parte desta historia: o Bal y Gay leva o nome da nosa terra por todo o país”, indicou.

Cajoto enmarcou a colaboración da institución provincial “na nosa maneira de entender a cultura: unha cultura que contribúe a que a provincia de Lugo sexa cada vez máis recoñecida pola súa capacidade de ofrecer experiencias únicas”. Ademais, agradeceu o traballo da Fundación Bal y Gay, das administracións colaboradoras e de todas as persoas implicadas na organización do evento, destacando que “a excelencia tamén ten acento mariñán”.

A programación desta décimo terceira edición comezará o 5 de agosto ás 21.00 horas na Catedral de Mondoñedo coa actuación do conxunto vocal Vox Luminis, dirixido por Lionel Meunier.

O día seguinte, o 6 de agosto ás 20.30 horas, o Castelo de Castrodouro de Alfoz acollerá o concerto do pianista Moisés Sánchez xunto á violinista Ana María Valderrama e ao contrabaixista Pablo Martín Caminero.

A soprano Auxiliadora Toledano e o pianista Javier Carmena actuarán o 7 de agosto ás 21.00 horas no Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, mentres que o 8 de agosto, ás 20.30 horas, a Basílica de San Martiño de Foz recibirá ao violista Antoine Tamestit e á violinista Alexandra Preucil.

Este primeiro bloque pecharase o 9 de agosto ás 19.30 horas no Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo co concerto do pianista ruso Grigory Sokolov, que suporá o seu regreso a Galicia tras dúas décadas e a estrea do Festival Bal y Gay na capital lucense.

A segunda parte da programación iniciarase o 13 de agosto ás 21.00 horas na Igrexa de Santa María del Campo de Ribadeo coa Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de César Ramos.

O 14 de agosto ás 20.30 horas, o Auditorio Casa da Cultura de Burela acollerá a actuación do tenor Santiago Ballerini, a soprano Berna Perles e o pianista Javier Carmena.

O Pazo de Fontao de Foz será o escenario do concerto do 15 de agosto ás 20.30 horas, protagonizado por Iria Folgado (oboé e corno inglés), Raquel Areal (violín), Sara Areal (violín), Marta Rodríguez Otero (viola) e Millán Abeledo Malheiro (violonchelo).

O segundo bloque rematará o 16 de agosto ás 20.00 horas no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo cun concerto-conferencia dedicado a Marcial do Adalid, a cargo de Martín Llade e Clara Corrales, de Radio Clásica - RNE.

O último tramo do festival comezará o 17 de agosto ás 20.30 horas no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo coa pianista Yulianna Avdeeva. O día 18, tamén ás 20.30 horas, o Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá a actuación de La Ritirata con Josetxu Obregón.

A Catedral de Mondoñedo recibirá o 19 de agosto ás 21.00 horas á Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, dirixida por Miguel Sepúlveda. O 20 de agosto ás 20.30 horas será a quenda de KamBrass no Museo e Fábrica de Sargadelos de Cervo.

A XIII edición do Festival Bal y Gay finalizará o 21 de agosto ás 20.30 horas na Basílica de San Martiño de Foz co concerto do barítono Samuel Hasselhorn, acompañado por Daniel Heide ao piano.

0.1258978843689