A memoria de Moncho Reboiras centrará un acto do BNG en Lugo

O BNG de Lugo organizará o vindeiro martes, 30 de xuño, un acto arredor da figura de Moncho Reboiras, coincidindo co ano no que se conmemora o 50 aniversario do seu asasinato. A convocatoria terá lugar ás 19.30 horas na rúa Soto Freire, xunto ao busto dedicado ao histórico militante nacionalista.
No encontro participará o escritor e político Lois Diéguez, nun acto co que a formación nacionalista busca reivindicar a memoria, o legado político e o compromiso democrático de Reboiras, recoñecido oficialmente en 2009 como vítima do franquismo.
Desde o BNG destacan tamén o seu papel na organización da clase traballadora galega e na creación do Sindicato Obreiro Galego, considerado antecedente da CIG.
O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, criticou a iniciativa presentada polo Partido Popular no Parlamento galego para instar á retirada de elementos de lembranza a Moncho Reboiras en distintas cidades galegas. Segundo Arroxo, o PP pretende silenciar a imaxe dunha persoa represaliada polo franquismo e borrar espazos vinculados á memoria democrática.
A formación nacionalista defende que, fronte aos intentos de eliminar símbolos de recoñecemento ás vítimas da ditadura, é necesario manter viva a memoria de Moncho Reboiras e das persoas represaliadas polo franquismo.