A Milagrosa remata as súas patronais e programa a súa primeira Festa da Xuventude
O barrio da Milagrosa, que tiña previsto rematar as súas festas o luns 2 de setembro con inchables a prezo reducido e unha chocolatada, prolongou unha xornada máis as celebracións deste ano. Así organizaron un segundo Día do Neno no que os máis cativos da cidade foron de novo os grandes protagonistas. En vista da boa acollida que tiveron este ano as patronais, dende a comisión decidiron seguir dándolle vida ao barrio e programan a primeira Festa da Xuventude da Milagrosa.
A cita será o venres 11 de outubro e contará coa actuación da orquestra La Fórmula. Deste xeito, continúan por dinamizar a oferta cultural da zona que despediu 6 xornadas festivas, que arrancaron o xoves 29, con actuacións diversas como a de Louband, a da orquestra El Combo Dominicano, Punto Clave, Grupo Beatriz, Grupo Extra, Galilea e os Dj lucenses Frisco e Marcos Peón.
Ademais, o deporte tamén foi protagonista do programa con exhibicións das escolas Star Dance, Gravitty e Ritmolugo e con torneos de petanca, xadrez e baloncesto. "Queremos dar as gracias a todos os veciños, negocios que colaboraron e sobre todo a toda esa xente que encheu novamente a Milagrosa como facía moitos anos que non ocorría. Os membros da comisión estamos orgullosos do resultado e sentímonos moi agradecidos de tantas mostras de cariño e gratitude de toda a xente", indican os organizadores.
A orquestra La Fórmula protagonizará o programa para a primeira Festa da Xuventude no barrio. Trátase dunha agrupación musical galega, coñecida por ofrecer espectáculos en festas e verbenas populares en Galicia e noutras partes de España. Fundada en 2015, destaca pola súa enerxía no escenario, un repertorio variado que inclúe desde música popular e latina ata éxitos actuais e por ter un conxunto de músicos e vocalistas talentosos que crean un espectáculo vibrante.
Esta orquestra foi creada por ex-membros da coñecida orquestra Panorama, o que lle deu unha base sólida de experiencia e calidade desde o seu inicio. A formación caracterízase tamén pola súa montaxe escénica espectacular, con luces, pantallas e efectos especiais que acompañan as súas actuacións, facendo que sexa un dos grupos recoñecidos no panorama das verbenas galegas.