A mostra '21 S(empre)' reúne arte, memoria e comunidade fronte ao Alzhéimer

A Rede Museística Provincial de Lugo inaugurará este martes, 15 de setembro, ás 19:00 horas, no Museo Provincial de Lugo, a exposición 21 S(empre), unha proposta colectiva que reúne 33 artistas, comunidade educativa, asociacións, familias e museos arredor do Alzhéimer. A mostra nace con motivo do Día Mundial do Alzhéimer e converte a creación artística nun espazo de memoria, coidado e reivindicación.
As obras e voces que forman parte da exposición comparten un obxectivo: facer visible o Alzhéimer, defender a dignidade e os dereitos das persoas afectadas e reclamar unha sociedade capaz de coidar, acompañar e non deixar a ninguén atrás.
A exposición conta coa participación de Caxigueiro, Juanel, Cristina Basanta, Mauro Leivas, Martín Lestao, Belén Mogo, Neira Brochs, Chus Lage, Carmen Llonín, Ignacio Castro "Nachok", Galiensoup, Lu Vila, Julián Bouza, Alicia Puchades, Carmen Porteiro, Pedro Cabarcos, David Catá, H. Xeada, Laura Díaz, Mª Jesús Alonso López, Dolores Guerrero, Cris Bamio, Noa Persán, Soila Jankowska, Xoán Vila, Xosé Manuel Otero, Hanoi Vidal, Lomarti, Juan Pablo Mastroianni, Macía, José Manuel Peña Romay e Joana Vilaverde. A esta relación súmase a participación colectiva do IES Alfoz-Valadouro, coas voces e miradas das nenas e nenos do centro.
Comisariada por Encarna Lago e Silvia Fiallega , a proposta incorpora tamén ás persoas con Alzhéimer, ás súas familias, ás asociacións e aos propios museos, nunha suma de perspectivas que entende a cultura como unha ferramenta de transformación social, acompañamento e coidado.
Máis de vinte anos de traballo
21 S(empre) dá continuidade a máis de vinte anos de traballo da Rede Museística cos colectivos de persoas con Alzhéimer e as súas familias. A traxectoria remóntase a 2003, cando comezou a colaboración con AFALU, e continuou posteriormente con AFAMÓN desde 2007 e co traballo desenvolvido na Mariña xunto a AFAN Burela e AFA Viveiro.
Ao longo destes anos, os museos da Rede desenvolveron actividades de reminiscencia, obradoiros, visitas adaptadas, encontros e proxectos de memoria compartida, dentro dun modelo de xestión baseado na museoloxía social, a participación, a accesibilidade e a responsabilidade dos museos coa súa comunidade.
Esta concepción entende os museos non só como espazos de conservación do patrimonio, senón tamén como lugares de encontro, inclusión, acompañamento e benestar. É precisamente da unión entre cultura, memoria, coidados e comunidade da que nace agora 21 S(empre).
A mostra tamén se suma á campaña da Confederación Española de Alzhéimer e outras Demencias (CEAFA) con motivo do Día Mundial do Alzhéimer, baixo o lema "O 'NON' xa non é resposta". A reivindicación pon o foco na necesidade de que a innovación e os tratamentos aprobados cheguen ás persoas que os necesitan en condicións de equidade, sen exclusións por motivos económicos ou polo lugar no que residan.
Así, 21 S(empre) presenta a arte como un punto de encontro desde o que lembrar, acompañar e reclamar, reunindo nun mesmo proxecto as voces dos artistas, do alumnado, das familias, das asociacións e dos museos.