A Mostra de Teatro Clásico encherá Lugo con 11 funcións durante o mes de marzo

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a XXVI edición da Mostra de Teatro Clásico, que se desenvolverá ao longo do mes de marzo con once representacións que terán como escenario principal o Auditorio Municipal Gustavo Freire. A edil destacou que o obxectivo foi configurar unha programación ampla, de calidade e pensada para distintos públicos, mantendo a concentración das funcións nun único mes para facilitar tanto a asistencia como a difusión do ciclo.
A edición de 2026 incorporará montaxes recoñecidas en distintos certames estatais. Entre elas atópase “FARRA”, distinguida co Premio Max 2025 ao Mellor Espectáculo Musical ou Lírico, que poderá verse o 20 de marzo; “La Loca Historia del Siglo de Oro”, galardoada coa mellor dirección no Festival Nacional de Teatro Vegas Bajas e programada para o 19 de marzo; ou “CaLORCAlor”, Premio OH 2023 ao Mellor Espectáculo para la Infancia, que se representará o 15 de marzo. Tamén chegará unha das compañías de referencia do teatro clásico estatal, Ron Lalá, co espectáculo “La Desconquista”, o 12 de marzo.
A programación inclúe igualmente unha aposta polas compañías galegas que están a producir textos clásicos. As entradas poderán adquirirse a través do portal entradaslugo.es, cun prezo de 8 euros para os espectáculos de público adulto e 3 euros para as funcións familiares no auditorio. As persoas en situación de desemprego, menores de 30 anos, pensionistas e integrantes da AAAG disporán dun desconto do 30 por cento. Ademais, habilitarase un bono para toda a programación de adulto por 36 euros.
A Mostra abrirase o 3 de marzo no Centro Sociocultural O Vello Cárcere con “O Espírito de Vania”, proposta galega de Machi Salgado con entrada gratuíta. Ao día seguinte, o 6 de marzo, Teatro Corsario levará ao escenario “El Alcalde de Zalamea”. O 7 de marzo será a quenda de “Atila Furioso”, de Cristóbal de Virues, a cargo de EscénaTe e Taquikardia. O 12 de marzo Ron Lalá presentará “La Desconquista”, mentres que o 13 de marzo a Companhia do Chapitô ofrecerá a súa versión minimalista de “Rey Lear”. O 14 de marzo chegará “Dicha y desdicha del juego y devoción de la Virgen”, de Ângela de Azevedo.
A programación continuará o 15 de marzo co espectáculo familiar “CaLORCAlor”. O 19 de marzo representarase “La Loca Historia del Siglo de Oro”. O 20 de marzo será a quenda de “FARRA”, produción da Compañía Nacional de Teatro Clásico e a Compañía Lucas Escobedo. O 21 de marzo, tamén en sesión familiar, poderá verse “Las abarcas desiertas”, e o 22 de marzo pechará o ciclo “Artur Ui, o ovo da serpe”, de Talía Teatro, unha revisión contemporánea do teatro épico de Bertolt Brecht.
Xunto á Mostra de Teatro Clásico, Maite Ferreiro presentou unha nova edición do programa de animación á lectura e contacontos, que se desenvolverá no MIHL entre o 26 de febreiro e o 23 de abril cun total de seis actividades dirixidas a diferentes franxas de idade. A concelleira explicou que a iniciativa busca achegar ás crianzas ao mundo da lectura e das bibliotecas, incorporando tamén unha perspectiva de igualdade de xénero.
O ciclo arrancará o 26 de febreiro con “Hotel Paraíso”, de Galeatro. O 12 de marzo será a quenda de “Toupiciencia”, de A Xanela do Maxín. O 26 de marzo Marta Ortiz presentará “Tralará. Contos, obxectos e música”. O 9 de abril Pakolas ofrecerá “Ramona Órbita, a dona do tempo”. O 16 de abril Trémola Teatro representará “Vamos ao recreo”, e o 23 de abril, coincidindo co Día do Libro, Os Contos de Pablísimo pecharán o programa con “O Paroleiro”. Para asistir será preciso retirar entrada gratuíta a través do portal entradaslugo.es, cun límite dunha persoa adulta acompañante por unidade familiar e un máximo de tres entradas por persoa.