A mostra gandeira ExpoLugo A Rural regresa polo San Froilán nunha nova localización

LugoXa
A tradicional mostra gandeira ExpoLugo A Rural, que evoca as orixes rurais do San Froilán, celebrarase os días 4 e 5 de outubro
ExpoLugo-A-Rural
27 sep 2024

A tradicional mostra gandeira ExpoLugo A Rural, que evoca as orixes rurais do San Froilán, celebrarase os días 4 e 5 de outubro cunha importante novidade: a súa nova ubicación no Cantiño Nemesio Cobreros, situado entre o Vello Cárcere e o Seminario. A presentación do evento contou coa participación da deputada de Cultura, Iria Castro, e o tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, xunto a representantes do Pazo de Feiras e Congresos e diversas asociacións gandeiras colaboradoras.

Durante o acto, Iria Castro agradeceu o esforzo do persoal do Pazo de Feiras e das asociacións gandeiras que traballaron na organización da feira, destacando que a nova localización achega a mostra ao corazón da cidade, permitindo integrar mellor a tradición gandeira coas actividades culturais e lúdicas das festas. "Esta proximidade facilitará que quen veña a gozar do San Froilán coñeza tamén a orixe tradicional das celebracións, ligada á gandería", afirmou Castro.

Pola súa banda, Rubén Arroxo resaltou a importancia da cultura tradicional galega dentro da programación das festas, destacando que ExpoLugo A Rural é un dos "piares da programación máis tradicional do San Froilán" e subliñou o compromiso da administración local na preservación e promoción dos elementos culturais máis relevantes de Galicia.

A mostra contará con exemplares de razas autóctonas de Galicia, como o gando bovino Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa e Rubia Galega, así como outras razas de ovellas, cabras, porcos e aves. Tamén se exhibirán razas recoñecidas pola súa produtividade, como as ovellas Suffolk, Charolesa, Romanov, Churra e Texel Negra, e as cabras Boer. Ademais, os visitantes poderán admirar maquinaria agrícola clásica achegada polo Muvicla.

Un dos momentos máis destacados será o Desfile de Gando de San Froilán, que se celebrará o venres 4 de outubro, a partir das 18.00 horas, polas rúas do centro de Lugo. Tamén se realizarán actividades formativas e divulgativas no Pazo de Feiras e no Vello Cárcere, dirixidas a gandeiros e gandeiras, abordando cuestións de interese técnico no sector gandeiro.

 

Venres 4. O Vello Cárcere
11.00 -12.00 horas
Que rumiar cando crías pequenos rumiantes. Primeiros pasos para a posta en marcha dunha granxa de ovino-cabrún.
Por Miguel Viña Vázquez, veterinario da ADSG Acivo e Amaia Santamaría Benito, técnica de Ovica

12.30 – 14.00 horas.

Mesa de expertos

16.30 – 17.15 horas.
Asamblea Acivo

17.30 – 18.00 horas
Enfermidades emerxentes debido a parasitos externos
Por Ana Jamardo Cerneira, veterinaria de ADSG Acivo

Sabado 5. Pazo de Feiras e Congresos de Lugo

10.00 -10.40 horas.

Plan Sanitario Integral de Explotacións de Gando Vacún
Por Jose Antonio Fernández García, membro da xunta do Colexio de Veterinarios de Lugo

10.45 -11:20 horas
Terra e xente. Aprendendo do pasado, mirando ao futuro Marcos Vázquez, presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas, director do Muvicla e técnico da oficina agraria de Meira

11.30 – 11.55 horas
Da Escola á Granxa. Aposta polo futuro do rural dende a Educación Infantil e Primaria Carlos Rodríguez Rodríguez, enxeñeiro agrónomo. Aréa de Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

12.00 -12.30 horas
Proxecto Asopqrcel. Trazabilidade dixital certificado por blockchain na cadea produtirva da raza autóctona 100% Porco Celta Por Mario Rouco Rey, enxeñeiro agrónomo e desenvolvedor de negocio de Innogando. Asoporcel

12.30 -13.00 horas
Proxecto Bio4trace: Biotecnoloxía para a trazabilidade e selección xenética en razas minoritarias españolas Por Roberto Besteiro Doval, investigador do CIAM de Mabegondo. Asoporcel

0.19180417060852