A música de Sofía Ros abre unha semana de cine, ciencia e encontros culturais na USC en Lugo

LugoXa
A Casa do Saber acollerá o concerto este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, dentro dunha programación que inclúe faladoiros, unha proxección cinematográfica e actividades de divulgación científica
Sofía-Ros-Foto de Samuel J. Mitchell
Foto de Samuel J. Mitchell
24 Oct 2026

A actuación de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo abrirá o luns, 26 de outubro, unha nova semana de propostas culturais da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O concerto, previsto para as 20.15 horas, forma parte do Outono Cultural, que nos próximos días combinará música, cinema, divulgación científica e espazos de debate.

A programación comezará tamén o luns cunha cita arredor da memoria democrática. O Pazo de Montenegro acollerá, a partir das 17.30 horas, o primeiro dos encontros dedicados a esta temática, un proxecto coordinado por María Valcárcel, profesora da USC e xornalista cultural. Para asistir será necesario realizar unha inscrición previa.

O mércores 28 de outubro, a actividade trasladarase á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, onde a súa cafetaría será escenario dunha nova sesión dos Encontros de Lúa Chea. A partir das 19.00 horas, os protagonistas serán os responsables de Queixería Bisqato e Tofu Landeira, que compartirán as súas experiencias persoais e profesionais para abordar as dificultades e oportunidades que presenta a creación de proxectos agroalimentarios con valor engadido.

Ese mesmo día, ás 19.30 horas, a Casa do Saber ofrecerá a proxección de "Los ilusos 13+13", unha película dirixida polo cineasta Jonás Trueba.

A divulgación científica terá o seu espazo o xoves 29 de outubro co ciclo "Ciencia e cañas", que chegará ás 18.00 horas á Sala Galeno da Facultade de Veterinaria.

A axenda pecharase o sábado 31 de outubro cunha nova proposta vinculada ao cinema. A Casa do Saber acollerá ás 11.30 horas o encontro "Visións de cine: onde empezan as historias", no que participarán Pepe Coira, Andrés Goteira, Adra Pallón e Clara Coira.

Con esta programación, a USC reúne distintas disciplinas e formatos para ofrecer ao público universitario e á cidadanía unha semana de actividades culturais no Campus de Lugo.

0.17541193962097