A nova ponte sobre o río Azúmara, en Castroverde, encara a recta final das obras

Avanzan os traballos de construción da nova ponte sobre o río Azúmara, na estrada provincial LU-P-1611, coñecida como cinto comarcal, ao seu paso polo concello de Castroverde.
As obras, iniciadas o pasado mes de xuño cun investimento de 650.000 euros, entran nunha nova fase coa colocación das vigas da infraestrutura.
Os traballos avanzan a bo ritmo e nas próximas dúas semanas está previsto executar a lousa, polo que a estrutura da ponte quedará practicamente rematada.
Unha vez completada esta fase, aínda restarán algunhas actuacións para finalizar o proxecto, entre elas os movementos de terras pendentes, a pavimentación da vía, a instalación da sinalización e a construción dun pequeno muro.
A nova ponte contará cunha plataforma de once metros de ancho, seis máis que a anterior, o que permitirá mellorar as condicións de circulación e facilitar o cruzamento de vehículos nunha estrada que soporta un importante volume de tráfico.
A intervención abrangue un tramo de algo máis dun quilómetro da LU-P-1611, entre os puntos quilométricos 106,5 e 107,8. O obxectivo é eliminar un dos puntos máis estreitos e complexos do cinto comarcal e reforzar a seguridade viaria e as comunicacións nesta estrada provincial.