A obra 'Cvstos Lvci' de Fernando Yáñez poderá visitarse no Arde Lucus no Refectorio do Museo

O Refectorio do Museo Provincial de Lugo acolle desde hoxe e durante a vindeira semana a obra Cvstos Lvci (O gardián de Lucus) de Fernando Yáñez, un cadro de gran formato no que o artista lucense quixo representar a confluencia entre a cultura castrexa e o legado de Roma como elemento central na tradición e historia da cidade de Lugo.
A obra, que representa un gardián protector da cidade, exhíbese na sala de entrada ao Museo coincidindo coas datas de celebración do Arde Lucus, convidando ao público a afondar nos fondos museísticos relacionados coa cultura castrexa e romana.
A deputada de Cultura Iria Castro asistiu este mediodía á inauguración da peza, onde agradeceu “a xenerosidade de Fernando Yáñez, que coa cesión desta obra amplía a colección artística do Museo e remarca o interese dos fondos do Museo para o estudo e coñecemento da cultura castrexa e da romanización”.
A carón do cadro, proxéctase un vídeo sobre o proceso de creación da obra, incluída dentro da serie Yiban, formada por retratos de media cara, o último proxecto do artista lucense, cunha ampla traxectoria creativa, académica e profesional vinculada ás artes plásticas.
Ademais de expoñer as súas obras en exposicións individuais e colectivas en diferentes espazos culturais, Fernando Yáñez é recoñecido tamén polos seus proxectos murais, entre eles, Rosalía, pintado para Art for Dent na rúa San Roque, en Lugo.
Coincidindo coas datas do Arde Lucus, o Museo Provincial de Lugo ofrecerá a vindeira semana, todos os días ás 17.00 horas, visitas guiadas centradas nas salas e coleccións relacionadas co pasado castrexo e romano, entre as que destacan as pezas da Colección de Ourivería Álvaro Gil Varela, as moedas e medallas da Sección de Numismática, as epigrafías do Claustro ou a Sala dos Mosaicos.