A pasarela peonil que unirá o Parque de Rosalía co Parque Marcos Cela sairá a licitación

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou o inicio do procedemento de licitación para a construción dunha nova pasarela peonil que conectará o Parque de Rosalía co Parque Marcos Cela. A infraestrutura sairá a concurso cun orzamento de 1.147.136,91 euros e contará cun prazo estimado de execución de oito meses.
A nova pasarela estará formada por unha estrutura curva metálica realizada en aceiro corten e apoiada sobre piares en forma de “V”. Segundo explicou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, a solución técnica busca garantir resistencia, durabilidade e un mantemento reducido grazas á capacidade dos materiais para soportar a corrosión atmosférica.
O trazado curvo permitirá suavizar o desnivel existente e mellorar a integración da estrutura na contorna urbana. Arroxo lembrou que esta zona conectaba historicamente co río a través de camiños tradicionais, unha continuidade que se perdeu coa construción da Rolda República Arxentina.
Arroxo sinalou que se trata dunha actuación na que se traballou ao longo do último ano desde a Tenencia de Alcaldía e destacou o seu potencial para avanzar cara a unha cidade máis camiñable, creando un novo itinerario peonil entre espazos emblemáticos da cidade. Tamén indicou que se realizará seguimento do proxecto para garantir a súa correcta execución.
O responsable municipal lembrou que esta intervención deriva dun acordo plenario de 2018 e destacou que permitirá recuperar unha conexión histórica cortada pola infraestrutura viaria actual. Segundo explicou, a pasarela posibilitará un percorrido peonil continuo desde o centro ata o río Miño, pasando por Recatelo e o Parque Marcos Cela, o que cualificou como unha mellora relevante para a continuidade urbana.