A Plataforma de Veciños da Residencia denuncia o estado de abandono do barrio da Cheda

LugoXa
O colectivo reclama ao Concello de Lugo unha actuación inmediata e un plan de mantemento que garanta a conservación dos espazos públicos
mal-estado-barrio-da-Residencia-Cheda
8 Jun 2026

A Plataforma de Veciños da Residencia expresou a súa profunda preocupación polo estado de abandono que, segundo denuncian, sofre o barrio da Cheda, unha situación que afecta a diferentes vías moi utilizadas da zona, entre elas os accesos ao estadio de fútbol e ao río.

O colectivo veciñal sinala un deficiente mantemento xeneralizado do barrio, con beirarrúas deterioradas, maleza sen desbrozar, mobiliario urbano en mal estado e espazos verdes con escasa atención. Un conxunto de deficiencias que, aseguran, repercute directamente na calidade de vida da veciñanza e na imaxe do entorno.

A plataforma pon o foco en rúas como Pousadela, Río Azúmara ou a confluencia entre Río Eume e Río Pambre, onde aseguran que se concentran varios destes desperfectos.

Desde o colectivo consideran que esta situación responde a unha falta de planificación e seguimento por parte do Concello de Lugo, ao que lle reclaman unha xestión máis equilibrada que garanta o mantemento axeitado dos espazos públicos en todos os barrios da cidade.

Por este motivo, os veciños e veciñas piden unha actuación inmediata para reforzar os labores de limpeza e conservación, así como a posta en marcha dun plan de mantemento regular que permita recuperar o estado e a funcionalidade das infraestruturas da zona.

A Plataforma de Veciños da Residencia anuncia ademais que continuará trasladando estas demandas ao goberno local ata que se adopten solucións efectivas e duradeiras.

0.12810111045837