A Plataforma do Barrio da Residencia esixe a reparación do acceso entre a N-VI e a Avenida das Américas

LugoXa
O colectivo denuncia o deterioro da vía e reclama ao Concello un plan de mantemento que evite problemas de seguridade e conservación no barrio
enlace-n-vi-barrio-da-residencia
11 Jun 2026

A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia reclamou este xoves ao Concello de Lugo unha intervención urxente no enlace que comunica a N-VI coa Avenida das Américas, unha vía que, segundo denuncian, presenta un avanzado estado de deterioro e múltiples deficiencias que afectan á seguridade da circulación.

O colectivo veciñal asegura que o firme se atopa moi desgastado e que na calzada existen fochancas de grandes dimensións, unha situación que consideran preocupante tanto para os condutores como para o conxunto dos usuarios da vía. Por este motivo, solicitan ao goberno local que actúe con rapidez para reparar os danos e evitar que o problema continúe agravándose.

Desde a Plataforma sosteñen que o estado actual deste acceso é consecuencia da falta de planificación e seguimento por parte do Concello no mantemento das infraestruturas municipais. Ao seu xuízo, a administración local debe garantir a conservación adecuada dos espazos públicos e atender as necesidades dos distintos barrios de forma equilibrada.

Ademais da reparación da vía, os veciños reclaman un reforzo das tarefas de limpeza e conservación na contorna, así como a posta en marcha dun programa periódico de mantemento que permita preservar en boas condicións os espazos públicos do barrio e evitar situacións similares no futuro.

A Plataforma Veciñal do Barrio da Residencia advertiu que continuará trasladando as demandas da veciñanza ao executivo municipal ata que se adopten medidas efectivas que dean resposta aos problemas detectados na zona e melloren o estado das infraestruturas.

0.13296818733215