A Plataforma do Barrio da Residencia reclama reparar unha fuga de auga que leva máis de tres meses sen arranxar

A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia esixe ao Concello de Lugo que arranxe con urxencia os danos provocados por unha fuga na rede de abastecemento de auga no cruzamento das rúas Pintor Pacios e da Pomba. Segundo denuncia a entidade, a zona leva máis de tres meses valada e cun burato aberto, sen avances nos traballos de reparación.
A situación está a causar dificultades para os peóns que circulan por este punto, xa que os cascallos ocupan parte do paso e complican a conexión a pé entre as dúas rúas. A plataforma considera inadmisible que a incidencia continúe sen resolverse durante tanto tempo e reclama maior axilidade na reparación das avarías da rede municipal de augas.
A entidade veciñal sinala que completar os traballos permitiría recuperar un espazo público que permanece inutilizado desde hai meses. Ademais de mellorar o aspecto da contorna, a intervención contribuiría a garantir unha mobilidade máis cómoda e segura e unhas condicións máis axeitadas para a actividade económica do barrio.
Por estes motivos, a plataforma insta ao Concello a executar canto antes as actuacións necesarias para restablecer a normalidade na zona e garantir a seguridade e o benestar da veciñanza, así como o correcto funcionamento dos servizos e negocios próximos.