A Plataforma pola Defensa da Zona Norte acusa ao Goberno local de poñer en risco o Plan Novo Norte

LugoXa
O colectivo considera que paralizar o proxecto suporía perder fondos europeos e reclama explicacións sobre a decisión do Executivo municipal
Avenida-da-Coruña-Lugo
16 Jul 2026

A Plataforma pola Defensa da Zona Norte, integrada por asociacións veciñais, culturais e comerciais de barrios como Sagrado Corazón, Paradai, Garabolos, A Piringalla ou A Milagrosa, manifestou o seu rexeitamento á posibilidade de que o Goberno local paralice o desenvolvemento do Plan Novo Norte.

Nun comunicado, a plataforma cualifica esta decisión de "tremendamente desafortunada e ruin" e lembra que o proxecto foi elaborado e consensuado co tecido asociativo durante o anterior mandato municipal, encabezado pola alcaldesa Paula Alvarellos, ademais de contar con financiamento procedente de fondos europeos.

Segundo o colectivo, o Plan Novo Norte afecta ao conxunto da zona norte da cidade, especialmente ao barrio da Milagrosa, e a súa paralización suporía renunciar á modernización da Avenida da Coruña, transformándoa nun bulevar cun modelo de mobilidade máis centrado nos peóns, no comercio de proximidade e na humanización do espazo urbano.

A plataforma critica que o actual Goberno municipal faga referencia ás decisións dun suposto "comité de dirección" do proxecto e esixe coñecer quen forma parte dese órgano e os motivos polos que se estaría reconsiderando o plan. Ao seu xuízo, a veciñanza ten dereito a coñecer as razóns dunha decisión que, segundo sosteñen, podería comprometer fondos europeos e frear o desenvolvemento da zona norte.

No comunicado tamén afirman que o Plan Novo Norte naceu do consenso entre administración, persoal técnico e entidades sociais, polo que consideran que modificar agora o proxecto sen participación, información nin transparencia supón actuar de maneira unilateral.

Ademais, a plataforma sostén que a paralización do plan sería "un castigo, unha represalia e unha vinganza" contra o barrio da Milagrosa e o resto da zona norte, ao tempo que lamenta que os veciños que participaron na elaboración da iniciativa estean coñecendo a través dos medios de comunicación que parte das actuacións previstas poderían non executarse.

O colectivo defende un modelo de cidade baseado na modernización dos barrios, no diálogo e no consenso, fronte ao que considera unha política de imposicións por parte do actual Executivo local. Así mesmo, critica a decisión de non continuar co proxecto da Casa do Migrante no barrio do Castiñeiro, unha medida que cualifica de mostra de "desprezo" e á que atribúe "tintes racistas". A plataforma conclúe asegurando que o actual equipo de goberno "non está á altura do que merecen os lucenses".

0.14020299911499