A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia reclama actuacións urxentes no mantemento das rúas e beirarrúas

LugoXa
A entidade denuncia que a situación continúa empeorando e alerta do risco para peóns e vehículos, especialmente na intersección entre as rúas Doutor Ochoa e da Saúde
estado-barrio-residencia
18 Sep 2026

A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia reclama ao Concello de Lugo actuacións urxentes para mellorar o mantemento e a conservación das rúas e beirarrúas do barrio. A entidade asegura que, a pesar da denuncia realizada o pasado 30 de maio, as reparacións demandadas pola veciñanza non se acometeron e a situación continúa empeorando.

A plataforma sinala que, ademais das zonas que aínda non foron reparadas, detectáronse novas afectacións, entre elas a existente na intersección entre a rúa Doutor Ochoa e a rúa da Saúde. A entidade lamenta "o tempo que estas zonas levan deteriorándose sen que se adopten medidas efectivas e advirte do risco que isto supón para os peóns e os vehículos que a diario transitan polo barrio".

Un dos puntos que máis preocupa á entidade veciñal é precisamente esta intersección, que coincide cun paso de peóns. Segundo explica, os cascallos depositados na estrada dificultan o paso de cadeiras de rodas e tamén dos peóns que cruzan diariamente por este punto, que dá acceso peonil ao CIS, o Centro Integral de Saúde, así como a unha zona na que se organizaron varios eventos destinados á mocidade do barrio.

A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia considera que o estado actual deste espazo "pode poñer en risco a integridade das persoas usuarias, xa sexa por unha posible escordadura ao pisar algún dos cascallos ou polo risco de que algún deles saia proxectado polo tráfico rodado".

A entidade tamén cualifica de “despropósito” que se organicen actividades en espazos públicos cuxo acceso ou mobilidade se ve comprometido por un deterioro que, ao seu xuízo, evidencia unha falta de mantemento.

Desde a plataforma consideran que o arranxo da zona permitiría mellorar de maneira significativa a calidade do espazo público e favorecer unha mobilidade máis segura e cómoda tanto para a veciñanza como para os usuarios do CIS.

Por todo isto, a Plataforma Veciñal Barrio da Residencia insta ao Concello de Lugo a actuar con urxencia e acometer as obras necesarias para garantir a seguridade e o benestar da veciñanza.

0.15984201431274