A plataforma Zona Norte reclama completar o Plan Paradai coa reforma da Calzada das Gándaras

A Plataforma pola Defensa da Zona Norte de Lugo reclama que a reforma integral da Calzada das Gándaras se incorpore ás actuacións pendentes para dar por finalizado o Plan Paradai, un proxecto que, segundo denuncia o colectivo, acumula preto de tres décadas de atrasos, compromisos incumpridos e falta de avances.
A entidade, integrada por colectivos veciñais e sociais e vinculada á Federación de Asociacións Veciñais de Lugo "Lucus Augusti", considera insuficiente actuar unicamente na rúa Serra de Meira. Precisamente neste punto celebrouse este verán o denominado "Marathón do Bache", unha protesta coa que a veciñanza puxo o foco no deterioro da vía e tras a que a Xunta anunciou a súa intención de acometer unha intervención.
A plataforma valora este anuncio, pero insiste en que o Plan Paradai non estará rematado mentres quede pendente a Calzada das Gándaras. Sinala que esta vía constitúe un dos principais accesos ao barrio das Gándaras e soporta diariamente unha elevada intensidade de tráfico, ao tempo que presenta importantes deficiencias no pavimento, con fochancas, afundimentos e problemas derivados da falta de mantemento.
Por este motivo, o colectivo reclama ao Goberno autonómico a redacción inmediata do proxecto de reforma integral da rúa, así como a inclusión nos orzamentos de 2027 das partidas económicas necesarias para executar os traballos. Tamén solicita que se estableza un calendario concreto para desenvolver a actuación e evitar novos aprazamentos.
A Plataforma pola Defensa da Zona Norte advirte de que retomará as mobilizacións se non se producen avances. Neste sentido, anuncia a posibilidade de organizar un novo "Marathón do Bache", nesta ocasión na propia Calzada das Gándaras, no que convidaría á veciñanza a contabilizar as fochancas existentes na vía.
O colectivo considera que a protesta desenvolvida na Serra de Meira demostrou a capacidade da mobilización veciñal para conseguir avances e asegura que recorrerá novamente a este tipo de accións se é necesario.
A plataforma insiste en que, despois de case 30 anos, o Plan Paradai debe quedar definitivamente concluído e defende que a Calzada das Gándaras non pode quedar á marxe das actuacións. "A Zona Norte de Lugo merece respecto, investimento e solucións reais", reivindica o colectivo.