A Ponte de Cruzul recibe a máxima protección patrimonial coa súa declaración como BIC

LugoXa
A subdelegada do Goberno en Lugo visitou Becerreá para poñer en valor o recoñecemento do monumento e coñeceu tamén o novo edificio do Concello e o mural de Diego As
subdelegada-do-Goberno-na-ponte-de-Cruzul-Becerreá
22 Jul 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, visitou a Ponte de Cruzul, en Becerreá, acompañada polo alcalde, Manuel Martínez, para poñer en valor a recente declaración desta infraestrutura como Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento. A decisión, aprobada polo Goberno de España, outorga ao enclave a máxima figura de protección patrimonial prevista na lexislación.

Durante a visita, López destacou que este recoñecemento supón “un paso decisivo” para garantir a conservación dun dos elementos patrimoniais máis singulares da provincia de Lugo. Neste sentido, reafirmou o compromiso do Executivo coa protección, posta en valor e transmisión do patrimonio histórico, ao considerar que forma parte da identidade colectiva e constitúe un motor de desenvolvemento cultural e territorial.

A subdelegada lembrou que a Ponte de Cruzul é unha das obras máis destacadas da enxeñaría civil do século XVIII en Galicia. Proxectada polo enxeñeiro francés Carlos Lemaur por encarga de Carlos III, a infraestrutura foi unha peza fundamental do Camiño Real que unía Madrid con Lugo, A Coruña e Ferrol, desempeñando un papel esencial nas comunicacións entre Galicia e a Meseta.

Así mesmo, salientou que se trata da única ponte neoclásica da provincia de Lugo que conserva practicamente intacta a súa configuración orixinal desde que deixou de formar parte da antiga N-VI a finais da década de 1980. Ao seu valor arquitectónico súmase tamén a súa relevancia histórica, ao estar vinculada a distintos episodios da Guerra da Independencia, entre eles o paso das tropas napoleónicas e a resistencia organizada pola veciñanza da comarca, feitos que cada ano se lembran a través da recreación histórica que se celebra en Cruzul.

Olimpia López incidiu en que a protección do patrimonio non consiste unicamente en conservar monumentos, senón tamén en preservar a memoria colectiva e os elementos que conforman a identidade dos territorios para que poidan ser coñecidos e gozados polas xeracións futuras.

Aproveitando a visita institucional, a subdelegada e o alcalde percorreron tamén o novo edificio do Concello de Becerreá e coñeceron o mural que o artista Diego As está a realizar dedicado á Ponte de Cruzul.

O procedemento para a declaración como Ben de Interese Cultural comezou en novembro de 2025 por iniciativa do Ministerio de Cultura. O expediente incluíu a solicitude dos informes preceptivos, un período de información pública e audiencia ás administracións e persoas afectadas, ademais da inscrición preventiva da ponte no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural. A declaración definitiva foi aprobada posteriormente polo Consello de Ministros, converténdose na máxima figura de protección prevista pola Lei do Patrimonio Histórico Español.

Situada no quilómetro 465 da antiga N-VI, a Ponte de Cruzul salva o río Narón ou Cruzul mediante tres arcos de medio punto. Conta cunha lonxitude de 93 metros e unha altura de 29,2 metros. A resolución que a declara BIC recoñece os seus valores históricos, arquitectónicos, técnicos e paisaxísticos, delimita a contorna de protección do monumento e fixa os criterios que rexerán as futuras actuacións de conservación, consolidación e rehabilitación para preservar a súa autenticidade.

0.12210702896118