A Pousada do Boieiro acolle a presentación de “Laudatio funebris” con música antiga e divulgación histórica

A Pousada do Boieiro, situada en Esgrade (Cubilledo-Baleira), acollerá o sábado 23 de maio ás 19:00 horas a presentación do libro “Laudatio funebris”, nun evento que incluirá tamén a actuación do Grupo 1500, formación galega especializada en música antiga.
A obra propón unha reflexión sobre o significado da morte na Idade Media a través dos prantos galego-portugueses, que amosan como o falecemento transcende o plano biolóxico para converterse nun feito social, político e artístico. Estes textos musicados, nacidos en contextos cortesáns e relixiosos, transmiten prácticas de memoria colectiva e identidade, ao tempo que reflicten usos de poder, devoción e construción de linaxes. O libro invita a redescubrir estas composicións como expresións culturais que combinan dor, consolo e unha notable sofisticación estética, mantendo a súa capacidade de interpelar a sensibilidade contemporánea.
Os autores da publicación son Eva Moreda, catedrática de musicoloxía na Universidade de Glasgow e escritora en lingua galega, e Andrés Díaz Pazos, músico e investigador especializado no período tardomedieval e no primeiro Renacemento, ademais de divulgador do patrimonio científico e da organaría galega. Este último tamén dirixe o Grupo 1500, formación encargada da interpretación musical no acto.
A Pousada do Boieiro, espazo no que terá lugar a presentación, naceu a partir do traballo de recuperación da memoria familiar realizado por Tino Díaz, quen transformou a súa antiga casa nun museo vivo que combina patrimonio rural e actividade cultural. O espazo converteuse ao longo de máis de dúas décadas nun referente local na posta en valor da historia e da cultura labrega.
Esgrade, lugar no que se sitúa a Pousada, pertence á parroquia de Cubilledo, no concello de Baleira, a uns trinta minutos de Lugo.