A Praza de San Lourenzo transformarase nun novo espazo verde con criterios de "confort climático"

O Concello de Lugo comeza a fase técnica previa á execución dunha actuación na Praza de San Lourenzo, unha intervención que busca converter este ámbito "nun novo espazo público verde, accesible e adaptado aos retos do cambio climático", segundo defenden desde o equipo de goberno municipal.
O proxecto, integrado no programa europeo Novo Norte, suporá a transformación dunha superficie duns 2.000 metros cadrados cun investimento previsto próximo aos 400.000 euros, ao que se suma agora a contratación da redacción do proxecto técnico por 17.545 euros.
Esta actuación enmárcase na liña de Zonas de Confort Climático do Plan de Actuación Integrado Novo Norte, co que o Concello pretende avanzar na rexeneración urbana da zona norte da cidade, mellorando a calidade ambiental dos espazos públicos e reforzando o seu uso como lugares de convivencia.
Co inicio desta fase, queda encamiñada unha intervención integral que inclúe a reordenación da praza e da súa contorna inmediata. Está prevista a mellora da pavimentación, a accesibilidade universal, os itinerarios peonís, a iluminación con tecnoloxía LED, o mobiliario urbano e a renovación da infraestrutura verde.
O proxecto incorporará ademais solucións baseadas na natureza, orientadas a aumentar a permeabilidade do solo, mellorar a drenaxe da auga da chuvia, reforzar o arborado e a vexetación e reducir a temperatura superficial do espazo, co obxectivo de mitigar o efecto illa de calor urbana.
Dentro desta transformación tamén se contempla a remodelación da área infantil existente, garantindo un espazo de xogo integrado nun entorno máis seguro, confortable e adaptado ao uso diario da veciñanza.
En paralelo, o Concello iniciará de forma inminente as obras de renovación integral da área de xogos infantís situada na Ronda Xosé Castiñeira, cun investimento de 48.394,92 euros con cargo a fondos municipais. Trátase dun espazo con case vinte anos de antigüidade que presentaba un notable deterioro e que era a única área infantil do casco urbano que aínda contaba con pavimento de area.
A reforma incluirá a instalación dun pavimento continuo de seguridade, a substitución do peche perimetral e a incorporación de novos elementos de xogo, como unha estrutura de trepa, un multixogo inclusivo con forma de locomotora adaptado a nenos e nenas con mobilidade reducida e un columpio dobre.
Estas actuacións continúan a liña de investimento municipal na mellora dos parques infantís da cidade, que supera xa os 1,8 millóns de euros nos últimos anos, con intervencións en espazos como a Praza de Agro do Rolo, Praza da Bretaña, Augas Férreas, Campo Castelo, O Castiñeiro, A Milagrosa, Avenida das Américas, Paseo do Miño, San Roque ou Praza de San Xoán, entre outros.