A Praza de San Marcos acolle unha mostra fotográfica sobre o futuro da lingua galega

LugoXa
A exposición de Alba Díaz pon o foco na infancia que mantén o uso do galego nun contexto de perda de falantes
a-lingua-do-futuro-exposicion-Lugo
16 Apr 2026

A Praza de San Marcos converteuse no escenario da inauguración da mostra fotográfica “A lingua do futuro. O futuro da lingua”, unha proposta artística da fotógrafa e mestra Alba Díaz que sitúa no centro a unha xeración de nenas e nenos que, malia o contexto de deterioro do galego, continúan empregando maioritariamente a súa lingua materna.

Ao acto asistiron a deputada de Cultura, Iria Castro, e a concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro, quen acompañaron a presentación dunha colección composta por unha vintena de imaxes. As fotografías combinan retratos en branco e negro con elementos simbólicos, entre os que destacan referencias a cantantes, músicas e escritoras representativas, así como palabras vinculadas ao afecto, á natureza ou a fenómenos atmosféricos.

A inauguración serviu tamén como convite á reflexión colectiva arredor da situación actual da lingua galega. O evento completouse cunha proposta cultural que incluíu a música de Laura LaMontagne e a recitación de versos por parte de Antía Otero.

A exposición, instalada a pé de rúa, reforza o seu carácter divulgativo e accesible, co obxectivo de chegar ao maior número de persoas posible e favorecer a súa difusión entre a cidadanía, especialmente entre as xeracións máis novas.

0.1207709312439