A rampla de acceso á Praza de Abastos de Lugo pola rúa Tuñas Bouzón reabre tras a súa renovación

LugoXa
A actuación, adxudicada por 115.120 euros, incluíu unha nova rampla e escaleiras para reducir a pendente, mellorar a accesibilidade e reforzar a estrutura para permitir tamén as tarefas de carga e descarga
mellora rampla Praza de Abastos Lugo
20 Nov 2026

A rampla de acceso á Praza de Abastos de Lugo pola rúa Tuñas Bouzón volverá estar aberta ao público mañá, unha vez rematadas as obras e asinada a acta de recepción. A intervención permitiu renovar este acceso ao mercado municipal e mellorar as condicións de tránsito para comerciantes, clientes e demais persoas usuarias.

Os traballos incluíron a construción dunha nova rampla e unhas escaleiras, co obxectivo de reducir a pendente e facilitar a accesibilidade ao edificio. A actuación tamén permitiu adaptar o acceso á normativa vixente en materia de evacuación en caso de incendio e substituír toda a estrutura anterior, que presentaba problemas de corrosión que afectaban á súa funcionalidade e solidez.

O reforzo da nova estrutura permitirá, ademais, que este acceso poida ser utilizado non só pola clientela da Praza, senón tamén polos industriais para realizar tarefas de carga e descarga.

A obra foi adxudicada por un importe de 115.120,61 euros, IVE incluído. O contrato conta cun prazo total de garantía de 36 meses, tras a ampliación de 24 meses ofrecida pola empresa contratista sobre o mínimo esixido de 12.

Coa reapertura prevista para mañá, a Praza de Abastos recuperará un dos seus accesos cunhas condicións renovadas para facilitar o tránsito e o desenvolvemento da actividade diaria do mercado municipal.

0.16779398918152