A Rede Museística inaugura 'Raíces de Ceo' para iniciar os 20 anos de 'Culturas en Diálogo'

A Rede Museística Provincial de Lugo inaugurará este martes 10 de novembro, a exposición fotográfica 'Raíces de Ceo', coa que dará comezo á celebración do vixésimo aniversario do programa 'Culturas en Diálogo'. A mostra, obra da artista venezolana Cris Bamio e comisariada por Encarna Lago, poderá visitarse no refectorio do Museo Provincial de Lugo e será o punto de partida dunha programación vinculada ao Museo da Migración que se desenvolverá durante os próximos dous meses.
A conmemoración pon o foco no liderado comunitario e nun modelo de xestión cultural baseado na colaboración coa cidadanía. Despois de dúas décadas de traballo compartido, a Rede Museística reivindica unha forma de desenvolver os proxectos non 'para' a sociedade, senón 'con' ela, cun papel destacado do terceiro sector e das asociacións que participan na vida cultural da provincia.
Neste sentido, a institución destaca a colaboración coa Asociación Rioplatenses de Lugo, unha alianza histórica da que xurdiron numerosos proxectos e actividades. A entidade converteuse nun punto de encontro das distintas culturas que conviven na cidade e nun exemplo do modelo de traballo horizontal que promove a Rede Museística, no que as asociacións se integran no desenvolvemento das iniciativas.
A exposición 'Raíces de Ceo' recolle o resultado dunha experiencia colectiva desenvolvida entre 2023 e 2026 no marco do programa de Museoloxía Social 'Saúde, Cultura de Paz e Bo Vivir'. Nela participaron máis de 200 mulleres, guiadas por Stephanie Cubides, docente do MINOM e profesora colombiana, que combinaron a práctica do ioga coa arte para transformar os espazos museísticos en lugares de coidado, encontro e benestar.
A través das súas fotografías, Cris Bamio retratou a esencia destes encontros e a pegada que deixaron nas participantes, reivindicando a capacidade da cultura para crear espazos de escoita e convivencia.
A programación conmemorativa continuará en decembro con tres novas propostas. O día 17 presentarase 'Retrospectiva. 20 anos de Culturas en Diálogo', un percorrido polas experiencias e proxectos desenvolvidos ao longo destas dúas décadas na provincia.
O 18 de decembro, O Vello Cárcere acollerá 'Tecendo redes. Persistir no diálogo. + de 126 nacionalidades', unha iniciativa organizada pola Asociación Rioplatenses de Lugo que destacará a diversidade cultural da capital lucense, onde o censo chegou a rexistrar máis de 126 nacionalidades.
Tamén o 18 de decembro se inaugurará no Pazo de Tor a exposición 'Adiante', organizada polo Taller da Ulloa (COGAMI Lugo). A mostra terá carácter itinerante e poderá chegar aos centros educativos que a soliciten a través da Caixa do Museo da Migración, co obxectivo de achegar ás novas xeracións unha mensaxe de convivencia.