A Rede Museística Provincial de Lugo anima aos centros educativos a descubrir as novas exposicións

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A programación didáctica ofrece actividades vinculadas á diversidade cultural, ao patrimonio e á memoria, con novas mostras temporais
material-expoisicions-rede-museistica
17 Nov 2026

A Rede Museística Provincial de Lugo, dependente da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, anima aos centros educativos a aproveitar a recta final do primeiro trimestre do curso para participar na súa programación didáctica. As recentes e próximas inauguracións de exposicións temporais constitúen unha oportunidade para dinamizar as actividades escolares e achegar o alumnado aos espazos museísticos a través de novas experiencias de aprendizaxe.

Baixo o lema «Aprender a mirar, aprender a escoitar», a oferta educativa da Rede Museística aposta por un modelo baseado na comunidade, a convivencia e a diversidade cultural. Segundo explica a xerente da entidade, Encarna Lago, o propósito é ir máis alá da contemplación das obras e conectar as pezas expostas coas historias persoais, co territorio e coa responsabilidade colectiva de coidalo.

O programa busca converter os museos en espazos de encontro e coñecemento, nos que o alumnado poida reflexionar sobre cuestións sociais, culturais e patrimoniais a través de propostas adaptadas ás diferentes etapas educativas. O catálogo completo de actividades para o curso 2026-2027 pode consultarse na web da Rede Museística Provincial.

Entre os principais atractivos desta recta final do ano destacan as novas exposicións temporais. O Museo Provincial de Lugo acolle a mostra fotográfica Raíces de ceo, de Cris Bamio, que serve como punto de partida da conmemoración dos 20 anos de Culturas en diálogo. Esta proposta ofrece unha oportunidade para traballar a interculturalidade nas aulas. A programación continuará en decembro coa presentación de Retrospectiva, o día 17, e coa inauguración, o día 18, do proxecto Tecendo redes, dedicado ás 126 nacionalidades de Lugo e que poderá visitarse no Vello Cárcere, así como da exposición itinerante Adiante, no Pazo de Tor.

Outra das propostas destacadas é Facer territorio atando cabos, un proxecto artístico da creadora Irene Trapote, recentemente recoñecida co Premio Cervezas Alhambra na feira de arte contemporánea Estampa 2026. Comisariada por Sergio Marey, a mostra nace do traballo colaborativo coas redeiras da Mariña lucense e reivindica o valor dos saberes tradicionais, historicamente invisibilizados. A iniciativa permitirá achegar ás novas xeracións a importancia destes oficios e coñecementos vinculados ao territorio.

Pola súa banda, a Sala de Exposicións da Deputación acolle ata o 29 de decembro No interior do abandono, unha proposta que combina a fotografía de Carlos Lorenzo coa poesía de Baldo Ramos para abordar o despoboamento do rural galego. A exposición incorpora tamén un recurso didáctico específico para o alumnado de ESO e Bacharelato, centrado no éxodo rural e na conservación do patrimonio.

A programación completarase coa inauguración, o próximo 26 de novembro, do Arquivo Edelmiro Méndez, unha das novas apostas do Museo Provincial de Lugo, que ampliará as posibilidades de traballo histórico e visual cos centros educativos.

Ademais, a partir do 18 de decembro, a exposición itinerante Adiante poderá percorrer os centros de ensino acompañada pola caixa do Museo da Migración. Este recurso didáctico está pensado para promover conversas participativas arredor dos procesos migratorios, tanto de ida como de volta, e da acollida. A través de diferentes obxectos simbólicos e sensoriais, como pasaportes, un nobelo de la e aromas gastronómicos, a proposta busca facilitar a comprensión das experiencias migratorias, das renuncias que implican e dos vínculos que se crean entre culturas.

Os centros interesados en organizar visitas ás exposicións ou participar nas actividades do programa escolar poden contactar co Departamento de Didáctica da Rede Museística Provincial a través do correo electrónico concertacionsrmp@gmail.com.

0.15208292007446