A Rede Museística Provincial incorpora cinco obras para abordar as desigualdades e a xustiza social

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
As novas pezas pasan a formar parte das coleccións da Rede e reforzan no Museo Fortaleza San Paio de Narla o proxecto "Soterradas. Vidas e historias na procura da xustiza social"
Mulleres-na-Arte-San-Paio-de-Narla-Museo-Friol
10 Sep 2026

A Rede Museística Provincial de Lugo incorporou cinco novas obras ás súas coleccións para ampliar o relato arredor das desigualdades, a diversidade, a memoria e a xustiza social. As pezas, realizadas por Violeta Bernardo, Ruth Lodeiro e Isaac Senchermes Soldado, dialogarán co patrimonio dos museos provinciais dentro dunha proposta que busca abordar desde a arte contemporánea experiencias e realidades pouco representadas nas narrativas históricas.

A presentación das incorporacións tivo lugar no Museo Fortaleza San Paio de Narla, onde se expoñen tres das novas pezas. As obras intégranse principalmente no proxecto "Soterradas. Vidas e historias na procura da xustiza social", que pretende recuperar vivencias silenciadas polas narrativas históricas dominantes e achegar unha mirada interseccional ás desigualdades.

Entre as novas incorporacións atópanse tres obras de Ruth Lodeiro: "Espiñas como Rosas", que se incorpora ao Museo Provincial de Lugo; "Semente", exposta no Museo Fortaleza San Paio de Narla; e "Babel", que pasa a formar parte do Museo Pazo de Tor.

Tamén se incorpora "Pantasmas do pasado", de Violeta Bernardo, que se expón no Museo Fortaleza San Paio de Narla e completa a presenza da artista nos catro centros da Rede Museística Provincial, converténdoa na única autora con obra en todos eles.

A quinta incorporación é "Archivo 24", de Isaac Senchermes Soldado, unha obra adquirida pola Rede e exposta no Museo Fortaleza San Paio de Narla. A peza, elaborada con pole de abella, introduce a polinización como metáfora das relacións de interdependencia, a diversidade e o territorio.

As novas obras amplían así o diálogo entre creación contemporánea e patrimonio histórico, empregando a arte como ferramenta para recuperar memorias e experiencias que tiveron unha menor presenza nos relatos museísticos.

Unha colección vinculada á memoria e á xustiza social

A presentación das incorporacións contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; da xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago; das artistas Violeta Bernardo e Ruth Lodeiro, e da comisaria Sara Pérez Bello.

Encarna Lago destacou que as novas incorporacións son "as pezas máis oportunas para contar este relato", mentres que Efrén Castro resumiu o compromiso da institución coa nova proposta museolóxica coa frase "Expoñémola con orgullo e con sentido".

Violeta Bernardo destacou tamén o papel desenvolvido por Encarna Lago na incorporación das mulleres aos espazos expositivos da Rede e asegurou: "As mulleres empezamos a expoñer desde que está ela". Pola súa banda, Ruth Lodeiro acompañou a doazón das súas tres obras cun agradecemento á xerente pola "súa paixón e bo facer".

As cinco incorporacións coinciden co ano no que a Rede Museística Provincial cumpre o seu 20 aniversario e reforzan unha liña de traballo que aposta por entender as coleccións como elementos para construír relatos sobre o pasado e reflexionar sobre cuestións sociais do presente.

0.14540004730225