A reforma integral da Protectora de Lugo mobilizará un investimento de preto de 745.000 euros

LugoXa
Deputación, Xunta e Concello asinarán o mércores un convenio para financiar as obras das instalacións de Muxa
protectora-de-animais-de-Lugo
24 Jul 2026

A Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo asinarán o vindeiro mércores o convenio de colaboración que permitirá facer realidade a reforma integral das instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, situadas en Muxa. O acordo suporá un investimento conxunto de preto de 745.000 euros para modernizar un recinto que leva anos reclamando unha actuación de mellora.

O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, será o representante da Deputación na sinatura do convenio e destacou que este acordo permitirá culminar o traballo institucional desenvolvido nos últimos meses para desbloquear unha actuación moi demandada. Segundo sinalou, "o importante é que, despois de moitos anos de espera, a Protectora contará por fin co respaldo das administracións para acometer unha reforma imprescindible das súas instalacións".

O convenio contempla unha achega económica a partes iguais entre as tres administracións, que asumirán un investimento próximo aos 250.000 euros cada unha. Miguel Fernández lembrou ademais que a colaboración da Deputación vai máis alá do financiamento, xa que a institución provincial consignará a totalidade da súa achega neste mesmo exercicio e cederá á Sociedade Protectora o uso da parcela na que se atopan as instalacións durante un período de dez anos, co obxectivo de dotar de estabilidade ao proxecto e facilitar a execución das obras.

O deputado puxo en valor que a Deputación é a única das tres administracións que realizará a totalidade da súa achega económica ao longo deste ano, polo que, segundo indicou, cumpre cos compromisos adquiridos e lidera este investimento.

A actuación permitirá renovar por completo unhas instalacións que precisan desde hai anos dunha reforma integral para adaptarse ás necesidades actuais, mellorando tanto o benestar dos animais acollidos como as condicións nas que desenvolven o seu labor os profesionais e o voluntariado da Protectora.

0.12909603118896