A renovación integral da LU-115 mellorará a conexión entre Outeiro de Rei e Castro Ribeiras de Lea cun investimento de 1,5 millóns de euros

Os traballos para renovar por completo o firme da estrada LU-115, que une Outeiro de Rei con Castro Ribeiras de Lea, xa están en marcha. A actuación, impulsada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, contará cun investimento de 1.466.500 euros e permitirá mellorar os 11 quilómetros desta vía autonómica.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou este xoves o inicio das obras, que comezaron polos puntos que presentan un maior deterioro estrutural. Nesta primeira fase executarase o fresado do pavimento e a reposición do firme con mestura asfáltica en quente. Posteriormente estenderase unha nova capa de rodadura de altas prestacións ao longo de todo o trazado.
A intervención forma parte dun contrato máis amplo, valorado en 2,4 millóns de euros, que inclúe tamén actuacións de mellora nas estradas LU-021 e LU-541, beneficiando ademais aos concellos de Lugo, Vilalba e Begonte. O prazo previsto para completar estes traballos é de seis meses.
A Consellería tamén ten en marcha outro contrato de conservación viaria por importe de 3,3 millóns de euros para renovar o firme das estradas LU-633, LU-546 e LU-621, actuacións que chegarán a municipios como O Corgo, Portomarín, Pedrafita do Cebreiro, Baralla, Láncara, Paradela, O Páramo, Sarria, Triacastela e Monforte de Lemos.
Durante a visita, Villares destacou o esforzo que está a realizar a Xunta para manter en boas condicións a rede autonómica de estradas, mellorando tanto a seguridade viaria como a comodidade dos usuarios. Segundo sinalou, este ano a Administración autonómica alcanzará un novo récord de investimento en conservación viaria, cun orzamento de 71,6 millóns de euros.