A Ribeira de Piquín contará cun obradoiro comunitario para impulsar a transformación de produtos locais

A Deputación de Lugo e a Fundación Terreo achegarán 200.000 euros para adquirir e equipar un inmoble de 275 metros cadrados en Montefurado, que estará dispoñible o vindeiro ano
Pilar-García-Porto
9 Oct 2026

A veciñanza, as pequenas explotacións agrarias e as empresas da Ribeira de Piquín disporán dun novo espazo para conservar, manipular e transformar produtos agroalimentarios locais coa posta en marcha dun obradoiro comunitario en Montefurado. A iniciativa contará cun investimento de 200.000 euros, a través dun convenio entre a Deputación de Lugo e a Fundación Terreo, que achegarán 100.000 euros cada unha.

O proxecto permitirá adquirir un inmoble de 275 metros cadrados distribuídos nunha única planta, dos que 204 se destinarán ao uso principal e os 71 restantes funcionarán como almacén. Ademais da compra do edificio, o financiamento cubrirá a instalación do equipamento necesario para o desenvolvemento da actividade.

Entre os elementos previstos figuran unha cámara frigorífica, sistemas de climatización, equipamentos de aceiro inoxidable e sistemas de pesaxe, co obxectivo de dotar as instalacións dos medios adecuados para a conservación e manipulación dos produtos.

O obradoiro pretende facilitar que produtores e empresas da contorna compartan espazos e recursos, reduzan custos e conten con máis posibilidades para transformar e comercializar as súas elaboracións. Entre os produtos que poderán prepararse figuran conservas, marmeladas, zumes, preparados hortícolas e mel envasado, ademais doutras elaboracións artesanais.

A previsión é que esta infraestrutura estea preparada para comezar a funcionar o vindeiro ano, contribuíndo ao aproveitamento dos recursos agroalimentarios da zona e ao impulso da actividade económica local.

0.1323721408844