A Ribeira de Piquín investirá 48.663 euros na limpeza e mellora da rede de abastecemento de auga

As infraestruturas municipais de abastecemento de auga da Ribeira de Piquín serán obxecto de traballos de mantemento e mellora cun investimento de 48.663,08 euros. A actuación levarase a cabo mediante un convenio de cooperación entre a Deputación de Lugo e o Concello, que prevé iniciar as intervencións antes de que remate o ano.
A institución provincial financiará 45.112,88 euros do custo total, mentres que a administración local asumirá os 3.550,20 euros restantes. Os traballos centraranse na limpeza e desinfección de distintos elementos da rede para favorecer o seu mantemento e conservación.
As intervencións abranguerán as captacións de auga, as conducións que a transportan ata os depósitos e os propios depósitos situados en Santalla e O Chao do Pousadoiro. Ademais, realizarase unha limpeza manual da vexetación no camiño de acceso a unha das captacións, co obxectivo de facilitar as tarefas de mantemento posteriores.
A actuación terá incidencia nas dúas parroquias máis poboadas do municipio e beneficiará máis dun terzo dos seus habitantes. O Concello encárgase directamente da xestión destas infraestruturas, polo que os traballos permitirán continuar coas tarefas de conservación da rede municipal de abastecemento.