A rúa Lucas Ferro Caaveiro contará con 47 novas prazas de aparcamento disuasorio

LugoXa
O Concello de Lugo adxudicou as obras para acondicionar tres parcelas municipais próximas á avenida da Coruña e ao barrio Feijóo, que incluirán puntos de recarga eléctrica, estacionamento para bicicletas e patinetes e unha zona verde
rúa-Lucas-Ferro-Caaveiro-proxecto-aparcadoiro Lugo
12 Nov 2026

A rúa Lucas Ferro Caaveiro contará cun novo aparcadoiro disuasorio gratuíto con capacidade para 47 vehículos. O Concello de Lugo adxudicou as obras para acondicionar tres parcelas municipais situadas nas proximidades da avenida da Coruña e do barrio Feijóo, nunha intervención que permitirá transformar un espazo que xa utilizan numerosos condutores, pero que actualmente carece dun pavimento adecuado e de accesos habilitados.

A actuación desenvolverase sobre unha superficie aproximada de 1.648 metros cadrados e incluirá dúas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. Ademais, deixarase preparada a instalación para dous puntos de recarga de vehículos eléctricos e habilitarase unha estación para bicicletas e patinetes eléctricos, con capacidade para varios usuarios ao mesmo tempo.

O proxecto contempla tamén a instalación de iluminación pública e sinalización, o peche dalgúns dos límites do recinto e a renovación dos accesos e dos tramos de beirarrúa afectados. As prazas executaranse cun sistema de céspede armado que favorece a absorción da auga da chuvia.

O novo espazo completarase cunha zona verde con céspede e seis árbores, ademais da colocación de bancos e papeleiras. O aparcamento estará conectado co transporte urbano, ao contar con varias liñas de autobús nas proximidades, e facilitará os desprazamentos cara aos barrios da Milagrosa e Feijóo e ao centro da cidade.

A intervención conta co cofinanciamento do 60 % da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa España 2021-2027 e da estratexia de desenvolvemento integrado local (Plan EDIL) PAI 'Novo Norte'.

0.13166499137878