A rúa Ourense de Lugo permanecerá pechada ao tráfico temporalmente

O Concello de Lugo informa de que, con motivo das obras de substitución do colector de saneamento na rúa Ourense, levarase a cabo un corte temporal ao tráfico no treito comprendido entre as rúas Concepción Arenal e Poeta Ramón Cabanillas. Esta actuación forma parte dos traballos de mantemento e mellora da rede municipal de saneamento e abastecemento de auga.
Durante a execución das obras será necesario pechar completamente ao tráfico rodado o tramo afectado da rúa Ourense. Non obstante, intentarase manter, na medida do posible, o acceso aos garaxes da zona, permitindo a entrada e saída a través das rúas Concepción Arenal ou Poeta Ramón Cabanillas.
O dispositivo de tráfico contará coa sinalización provisional correspondente nas vías de acceso á área afectada, con indicacións de desvío, limitacións de velocidade e prohibición de acceso ao tramo en obras, co fin de garantir tanto a seguridade da circulación como o desenvolvemento dos traballos.
En todo momento asegurarase o tránsito peonil en condicións de seguridade, así como o acceso ás vivendas, locais comerciais e, sempre que sexa posible, aos garaxes. No caso de que sexa imprescindible interromper de maneira temporal algún destes accesos, a empresa adxudicataria avisará á veciñanza afectada cunha antelación mínima de 48 horas mediante a correspondente sinalización informativa.
O Concello de Lugo agradece a comprensión e colaboración da cidadanía ante as molestias que poidan derivarse destas obras e lembra que esta intervención permitirá mellorar o funcionamento da rede de saneamento, aumentando a súa fiabilidade e reducindo o risco de incidencias futuras.