A Ruta Quetzal 2026 fai parada en Lugo con 200 mozos e mozas de toda España

GaliciaXa | LugoXa
A alcaldesa, Elena Candia, recibiu aos participantes da expedición, que este ano percorre Galicia para conmemorar os 900 anos do Reino de Galicia
Ruta-Quetzal-Lugo
8 Jul 2026

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu na Casa do Concello aos 200 participantes da Ruta Quetzal 2026, unha das expedicións xuvenís de carácter educativo e cultural máis recoñecidas de España, que nesta edición percorre Galicia baixo o lema Tras as pegadas de Urraca a Temeraria para conmemorar os 900 anos do Reino de Galicia.

A expedición iniciou a súa viaxe o pasado 28 de xuño e, antes da súa chegada a Lugo, visitou diferentes enclaves históricos vinculados ao antigo Reino de Galicia. A cidade amurallada constitúe unha das últimas etapas do itinerario antes da chegada final a Santiago de Compostela.

Os 200 participantes proceden de todas as comunidades autónomas e foron seleccionados polos seus excelentes expedientes académicos e polos méritos acadados en ámbitos como o deporte, a música ou os idiomas. Durante a súa estancia en Lugo realizaron un percorrido polos principais espazos patrimoniais da cidade para coñecer de primeira man a súa historia e o seu legado.

No acto de recepción institucional, Elena Candia felicitou aos expedicionarios por formar parte desta iniciativa e agradeceu á organización que incluíse Lugo no percorrido da edición deste ano. A alcaldesa animounos a descubrir o patrimonio, a gastronomía e o carácter acolledor da cidade, convidándoos a converterse en embaixadores de Lugo.

A rexedora destacou tamén que a presenza da Ruta Quetzal contribúe a reforzar a proxección de Lugo como unha cidade comprometida coa cultura, a historia e a formación da mocidade. Neste sentido, subliñou o valor do patrimonio lucense e expresou o seu desexo de que algúns dos participantes poidan regresar no futuro para desenvolver na cidade os seus proxectos profesionais e vitais.

A Ruta Quetzal combina a divulgación histórica coa educación en valores como o respecto, a cooperación, a protección do medio ambiente e a superación persoal mediante marchas, visitas culturais e actividades formativas. A edición de 2026 conta co patrocinio da Axencia Turismo de Galicia e concluirá nos próximos días en Santiago de Compostela.

0.13184309005737