A Semana de Cine de Lugo encara a recta final con historias de medo, memoria, identidade e loita social

A 48ª Semana de Cine de Lugo entra na súa recta final este venres, 25 de setembro, cunha programación que volverá repartir as proxeccións entre diferentes espazos da cidade. A xornada ofrecerá propostas moi diversas, desde o cine documental e as curtametraxes galegas ata o cine español inédito, as películas ambientadas na Roma clásica e a Sección Oficial, nunha das últimas oportunidades para seguir a programación do festival antes da súa clausura o sábado.
A mañá estará dedicada ao público infantil coa proxección de "Olivia y el terremoto invisible", ás 11:00 horas na Casa do Saber. Pola tarde, ás 17:00 horas, a Sala da Xunta de Galicia acollerá "Aníbal", dentro do ciclo "Unha de romanos".
A partir das 17:30 horas, a programación multiplicarase por diferentes salas. O Salón da Deputación ofrecerá dúas propostas documentais, "Borau y el cine" e "El viento que golpea mi ventana", mentres que O Vello Cárcere concentrará unha nova sesión de "Curtas Galegas" con "Cristal", "Chelito", "A miña relación cos bichos", "Nas ondas do tempo", "Galicia non arde", "As entrañas saben o que a razón non...", e "Pasodoble". Nesa mesma franxa horaria, o Auditorio Gustavo Freire proxectará "El agente secreto", dentro do ciclo "O mellor do ano".
A programación continuará ás 18:00 horas na Biblioteca, onde se poderá ver "Un hombre de verdad", incluída no apartado de "Cine Español Inédito". Xa pola noite, ás 20:00 horas, O Vello Cárcere volverá converterse nun dos principais puntos da xornada coa sesión "As curtas tamén son cine", que reunirá "Conexiones inesperadas", "Demasiado tarde", "El amigo de los pobres", "Plazer Bat", "003", "Planeta fome" e "Leonardo".
Á mesma hora, a Sala da Xunta de Galicia acollerá dúas novas propostas do "Cine Galego", "O son da serra" e "8 portas". O Auditorio dará paso á Sección Oficial coa proxección de "Volver a ti", prevista para as 22:00 horas.
A programación galega continuará tamén ás 22:00 horas na Xunta de Galicia con "A menina, o menino e os escravos" e "Todo pode esperar", completando unha xornada na que as diferentes seccións do festival volverán cruzar propostas, formatos e temáticas.
Entre as actividades especiais deste venres destaca ademais a proxección de "En camino a Leo. Cuando termina el miedo, el amor comienza", película dirixida por Ana Bárcenas Torres e producida en México en 2025. A sesión, centrada na relación entre xénero e sociedade, será ás 20:00 horas no Salón da Deputación e contará coa colaboración da Academia Galega de Enfermaría e do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo.
A película estará precedida por unha mesa redonda moderada por Isidoro Rodríguez Pérez, presidente da Academia de Enfermaría de Galicia. No encontro participarán Mario Alberto Rivas Carro, enfermeiro, psicólogo e académico correspondente da AEG; Nicolás Vera Arencibia, da Asociación de Familias de Menores e Mocidade Trans de Galicia, Arelas; e Alejandro Tripiana González, enfermeiro residente de Pediatría no Hospital Universitario Lucus Augusti.
A 48ª Semana de Cine de Lugo, organizada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá e dedicada nesta edición a Marilyn Monroe, chegará así ao último tramo da súa programación, que se completará o sábado 26 de setembro coa xornada de clausura.