A Semente celebra o seu décimo aniversario cunha aventura na natureza

A escola Semente pechará os actos centrais do seu décimo aniversario cunha proposta para gozar ao aire libre e descubrir o patrimonio natural de Barbaín. A iniciativa, titulada "Aventura na natureza", desenvolverase este sábado 24 de outubro a partir das 11:00 horas nas inmediacións do centro educativo, situado na antiga escola da parroquia de Santa María de Bóveda.
A actividade está pensada para que nenos, nenas e persoas adultas participen xuntas nun xogo de pistas. A través de diferentes enigmas agochados na contorna, os asistentes deberán explorar o espazo natural próximo á escola e atopar as respostas. A participación será gratuíta e, ao rematar, ofreceranse uns petiscos ás persoas asistentes.
Con esta proposta, a asociación pon o broche ao programa conmemorativo dos dez anos do proxecto educativo, que incluíu unha mesa redonda sobre a lingua galega e a escola no Vello Cárcere o pasado 23 de setembro, así como unha xornada festiva no Centro Social Mádia Leva o día 26 dese mes.
A Semente iniciou a súa actividade en setembro de 2016, tras rehabilitar a antiga escola unitaria de Barbaín. Desde entón, consolidouse como unha iniciativa educativa singular na cidade e na comarca de Lugo, cun modelo que combina a promoción da lingua e da cultura galegas, unha pedagoxía renovadora e o funcionamento asociativo sen ánimo de lucro. Durante esta década, ducias de nenos e nenas de entre dous e seis anos pasaron polas súas aulas. A igualdade de xénero e o contacto directo coa natureza son tamén piares do seu proxecto.
A programación cultural continuará durante o outono con outras dúas citas. O 30 de outubro, ás 17:00 horas, celebrarase a festa de Samaín, con obradoiros, contacontos e chocolate para os participantes. Xa o 13 de novembro, á mesma hora, terá lugar o tradicional magosto, que combinará a degustación de castañas e outros produtos gastronómicos coa representación de "A fada do saco verde", da compañía Loia Producións, dentro do Circuito de Teatro Profesional da Deputación de Lugo.