A situación do galego no ensino levarase a debate no Vello Cárcere este mércores

LugoXa
A mesa redonda reúne investigadores e profesionais do sistema educativo e intégrase dentro dos actos do décimo aniversario da escola Semente
charla-ensino-semente-lugo
21 Sep 2026

O mércores 23 de setembro, a partir das 18:00, no patio central do Vello Cárcere, a asociación Semente organiza unha mesa redonda que leva por título “O galego e a escola”. No evento participarán Natalia Cea, coordinadora pedagóxica da Rede de Escolas de Ensino Galego Semente, o docente e investigador Miguel Rodríguez Carnota e Doris Paz, da Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy. Finalizada a mesa redonda será presentada a Guía sociolingüística para familias, un manual editado polas Escolas Semente con orientacións e recursos para aquelas familias que queren preservar a transmisión xeracional da lingua galega.

Os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, que indican un uso e un coñecemento moi escaso da lingua nos nenos entre 5 e 14 anos, especialmente en contextos urbanos, fixo que se avivase o debate social sobre a responsabilidade do ensino nesta cuestión. Dado que unha das singularidades do proxecto educativo da Semente é, precisamente, a importancia dada ao galego e á súa cultura, o obxectivo do evento é fomentar o intercambio de ideas e a procura de solucións para o futuro da lingua no ámbito escolar.

A mesa redonda forma parte do programa de actividades organizado pola Semente con motivo do seu décimo aniversario. Este centro comezou a súa andaina en setembro de 2016 no edificio da antiga escola unitaria da aldea de Barbaín. Desde ese ano, polos seus principios pedagóxicos renovadores e polo seu carácter asociativo e sen ánimo de lucro, convertiuse nun centro singular e de referencia na cidade de Lugo.

Os actos do aniversario continuarán o sábado 26 de setembro cunha xornada festiva no Centro Social Mádia Leva, que inclúe faladoiros, obradoiros para público familiar e infantil, un xantar popular e a peza teatral Ciencia malabar, da Compañía Fraga dos Mouros. Xa no mes de outubro, o día 24, no local da propia escola, será organizada a actividade Aventura na natureza, un xogo de pistas para coñecer de maneira divertida a contorna natural da aldea de Barbaín.

0.14829015731812