A Sociedade Filarmónica de Lugo programa un concerto de Lied o 29 de abril

LugoXa
O recital “Lied The Future” contará coa soprano Belén García Burgos e a pianista Esther Vilar nun programa centrado no ciclo de cancións románticas e a creación contemporánea
Lied-The-Future
25 Apr 2026

A Sociedade Filarmónica de Lugo programa un concerto que terá lugar o mércores 29 de abril de 2026 ás 20.00 horas no Círculo das Artes de Lugo, dentro dunha proposta musical centrada no repertorio do Lied baixo o título “Lied The Future”.

O recital estará protagonizado pola soprano Belén García Burgos e a pianista Esther Vilar, no marco dun programa de apoio a novos talentos internacionais dentro do ámbito da canción poética. Esta iniciativa combina o traballo pedagóxico coa actividade concertística, actuando como plataforma de impulso para xoves artistas bolseiros e como ferramenta de inserción profesional. Está organizada pola Associació Franz Schubert, co apoio da Fundació Banc Sabadell e da Fundació Ferrer de Música.

O programa, baixo o título “Reflexos dun ciclo”, propón un diálogo entre dous Liederkreis, dous ciclos de cancións que exploran diferentes perspectivas sobre a linguaxe e algunhas das inquietudes transversais da experiencia humana.

Na primeira parte interpretarase o Liederkreis op. 39 de Robert Schumann, unha obra profundamente romántica baseada nos poemas de Joseph von Eichendorff, na que se abordan temas como a soidade, o anhelo, a paisaxe como reflexo da alma e a vivencia subxectiva da realidade.

A segunda parte ofrecerá un Liederkreis polifónico e de carácter persoal, elaborado polas intérpretes a partir de cancións de distintos compositores, épocas e idiomas. A pesar da diversidade das obras, o programa establece conexións temáticas co ciclo de Schumann, especialmente arredor da busca de sentido, a melancolía e a contemplación interior do mundo.

O resultado será un percorrido emocional no que distintas voces e épocas dialogan entre si, en torno ás grandes constantes da experiencia humana.

0.13711404800415