A Sociedade Filharmónica de Lugo ofrecerá 15 concertos no Círculo das Artes na tempada 2026-2027

GaliciaXa | LugoXa
O ciclo comezará o 28 de outubro coa Camerata OSG e reunirá orquestras sinfónicas, solistas internacionais e agrupacións de cámara no Círculo das Artes ata o 6 de maio
Sociedade-Filarmónica-de-Lugo-presentacion-tempada-2026
14 Oct 2026

A Sociedade Filarmónica de Lugo celebrará a súa tempada de concertos 2026-2027 cunha programación de 15 actuacións entre outubro e maio, na que participarán orquestras sinfónicas, solistas de recoñecido prestixio internacional e agrupacións de música de cámara. O ciclo arrancará o mércores 28 de outubro coa Camerata da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), dirixida por Wladimir Rosinskij, e desenvolverase integramente no Círculo das Artes de Lugo.

A nova programación, presentada este mércores, coincide coa preparación do 80 aniversario da entidade, que ofrece concertos de maneira ininterrompida desde 1947. Ao longo da súa traxectoria, a Sociedade Filarmónica de Lugo organizou máis de 765 actuacións con músicos e formacións de referencia internacional. A tempada conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Tres orquestras sinfónicas e grandes solistas internacionais

A Camerata OSG será a encargada de inaugurar o ciclo o 28 de outubro. Creada en 2013 por Wladimir Rosinskij, director, viola e compositor, esta formación estable está integrada por músicos das seccións de corda da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Entre as principais citas destacan as actuacións da Real Filharmonía de Galicia, que ofrecerá dous concertos, o 4 de decembro e o 6 de maio, baixo a dirección de Sergey Malov e Jeannette Sorrell, respectivamente. A programación incluirá tamén a Orquestra da Fundación Filarmónica de Oviedo, o 30 de xaneiro, xunto ao violonchelista armenio Alexander Chaushian, e a Orquestra Sinfónica Vigo 430, dirixida por José Luis López Antón, o 13 de marzo.

A música de cámara terá un papel destacado coa volta do Cuarteto Gerhard ao Círculo das Artes o 19 de decembro. A agrupación continuará co ciclo dedicado aos últimos cuartetos de Beethoven, tras a boa acollida da súa anterior visita.

O 14 de xaneiro será a quenda do Cuarteto Opus X, que acompañará ao pianista e compositor compostelán Octavio Vázquez na interpretación do seu Quinteto para corda e piano, xunto a obras de Beethoven e Shostakóvich.

A programación tamén reservará un espazo para a música antiga o 26 de febreiro, cun cuarteto formado por Giulio Mercati, ao clave; Gian Andrea Guerra, ao violín; Sara Ruiz, á viola de gamba; e Rafael Muñoz, á arquilaúde. O repertorio incluirá composicións de Dietrich Buxtehude e Jean-Philippe Rameau.

Piano, canción de concerto e novos talentos

O piano será protagonista de tres recitais. Judith Jáuregui actuará o 20 de novembro; Ana Huerta, o 9 de xaneiro; e o brasileiro Estefan Iatcekiw, gañador de varios concursos internacionais e do Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo 2025, ofrecerá o seu concerto o 24 de abril.

A canción de concerto terá dúas citas destacadas. A mezzosoprano lucense Julia Portela Piñón, acompañada ao piano por Luis Monsalve, actuará o 6 de marzo. Pola súa banda, o barítono alemán Bruno Meichsner e o pianista Daniel Prinz protagonizarán o concerto do 16 de abril, dentro do programa europeo Lied The Future, impulsado pola Asociación Franz Schubert para apoiar novos talentos na canción poética e na música de cámara. Será o segundo ano consecutivo no que a Sociedade Filarmónica de Lugo participe nesta iniciativa.

A programación reservará tamén un espazo para os músicos locais coa sección Filharmónica Km. 0. O 3 de abril actuará a saxofonista Violeta Fraga Sal, primeiro premio da última edición do Concurso de Interpretación Musical Xosé Castiñeira do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo. A intérprete ofrecerá un concerto como solista e participará tamén nunha actuación cun grupo de cámara integrado por músicos lucenses.

A Banda Filharmónica de Lugo completará esta aposta pola música da cidade cun concerto o 25 de abril, no que destaca unha obra para cuarteto de clarinetes e banda sinfónica.

Horarios, abonos e entradas

Todos os concertos da tempada 2026-2027 da Sociedade Filarmónica de Lugo celebraranse no Círculo das Artes ás 20:00 horas.

As persoas interesadas en adquirir o abono ou facerse socias da entidade poden solicitar información a través do correo electrónico filarmonicadelugo@gmail.com. As entradas para concertos individuais destinadas ao público non asociado estarán dispoñibles o mesmo día de cada actuación nas oficinas do Círculo das Artes. Ademais, haberá prezos moi reducidos para estudantes e entrada gratuíta para menores de idade e estudantes do Conservatorio.

Na presentación da tempada participou o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, que puxo en valor o traballo da entidade para consolidar unha programación musical de calidade na axenda cultural lucense e reafirmou o apoio da institución provincial aos colectivos culturais da cidade.

0.1662929058075