A subdelegada do Goberno destaca o compromiso da UNED de Lugo coa sustentabilidade e a acción climática

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, puxo en valor o centro asociado da UNED en Lugo tras unha visita na que foi recibida pola súa directora, Ana Traseira, e na que coñeceu de primeira man o traballo desenvolvido pola institución no ámbito da sustentabilidade e da acción climática.
Durante o encontro, a subdelegada felicitou á comunidade universitaria pola obtención do selo “Calculo + Reduzo” correspondente ao ano 2024, un recoñecemento outorgado pola Oficina Española de Cambio Climático (OECC), organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Este distintivo acredita o compromiso da entidade co cálculo, rexistro e redución da súa pegada de carbono, así como coa implantación de medidas orientadas a avanzar cara a modelos de xestión máis sostibles e eficientes.
Olimpia López destacou que este recoñecemento “exemplifica o compromiso das institucións públicas coa transición ecolóxica e coa necesidade de incorporar criterios de sustentabilidade na súa actividade diaria”. Segundo os datos achegados polo centro, a UNED de Lugo logrou reducir nun 16,84% a intensidade das súas emisións no período 2022-2024, o que lle permitiu acceder a este selo estatal e consolidar unha liña de mellora continua en materia ambiental.
A subdelegada salientou tamén o labor da Oficina Verde dos Centros Asociados da UNED, con sede en Lugo, unha estrutura especializada que presta apoio técnico en sustentabilidade e cálculo da pegada de carbono ao conxunto da rede de centros asociados. Así mesmo, subliñou que a loita contra o cambio climático require o compromiso conxunto das administracións, das institucións educativas e da sociedade.
A visita serviu tamén para coñecer os proxectos de innovación ambiental e educación para a sustentabilidade que desenvolve o centro, consolidando a súa posición como referente dentro da rede estatal da UNED.
No ámbito académico, a directora da UNED de Lugo informou de que o centro acadou no curso 2025-2026 un máximo histórico de 1.245 estudantes matriculados, o que supón un incremento do 12,5 % respecto ao curso anterior.
Finalmente, abordáronse distintas liñas de traballo como a implantación do novo Grao en Intelixencia Artificial, a UNED Sénior, os programas STEMBach e de Aprendizaxe-Servizo, así como o impacto social da actividade universitaria, estimado nun retorno de 13,25 euros por cada euro investido.