A Tenreira de Ancares reunirá máis de 350 reservas para a súa xornada gastronómica en Cervantes

San Román de Cervantes celebrará o vindeiro sábado, 24 de outubro, a VI Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares e a XIV Feira de Artesanía. A cita, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Argalleiras e a cooperativa A Carqueixa, combinará gastronomía, artesanía, música tradicional e actividades culturais. A organización xa recibiu máis de 350 reservas para o xantar de degustación, que terá lugar no polideportivo do colexio de San Román.
As persoas interesadas en participar no xantar deben reservar praza a través do teléfono 620 451 654. A programación comezará ás 12:00 horas coa presentación da xornada e a apertura dos postos da feira. Ás 13:00 horas actuará o grupo tradicional Os Xardois e, ás 14:00 horas, celebrarase o xantar dedicado á Tenreira de Ancares.
Música, artesanía e homenaxe a Sandra de Vilaver
A programación continuará pola tarde cun acto de recoñecemento a Sandra de Vilaver, organizado pola cooperativa A Carqueixa, ás 16:30 horas. Media hora despois, Os Xardois e Son de Cores ofrecerán actuacións musicais, acompañadas dun obradoiro de baile tradicional impartido por Rebeca Tallón.
As propostas culturais incluirán tamén unha exposición do CENTRAD, o Centro de Artesanía e Deseño da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que poderá visitarse durante toda a xornada. Ademais, a partir das 16:00 horas desenvolverase un obradoiro de cerámica.
A degustación e a feira buscan poñer en valor os produtos locais, os oficios tradicionais e a identidade cultural da montaña lucense, ademais de favorecer o encontro entre a veciñanza e as persoas visitantes.
A organización corre a cargo da Asociación de Mulleres Rurais Argalleiras e da cooperativa A Carqueixa, coa colaboración do CDR Ancares, a ANPA do CPI de Cervantes, o Concello de Cervantes e o Grupo Castelo. A iniciativa conta co apoio da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e da Deputación de Lugo.