A Torre de Sobrada de Aguiar e o Pazo de Mundín entran na Lista Vermella de Hispania Nostra

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
Engaden a necesidade de chamar a atención sobre o seu estado de conservación e promover actuacións que permitan garantir a súa protección e recuperación
torre-sobrada
2 Jun 2026

A asociación Hispania Nostra acaba de incluír a Torre de Sobrada de Aguiar, situada no concello de Outeiro de Rei, e o Pazo de Mundín, no municipio de Monterroso, na súa Lista Vermella do patrimonio en perigo debido ao grave estado de deterioro que presentan ambos inmobles e ao risco de perda dos seus valores históricos, arquitectónicos e patrimoniais.

A Torre de Sobrada de Aguiar foi levantada a comezos do século XV por Fernán Pérez de Ribadeneira sobre edificacións anteriores. O inmoble foi destruído durante as Revoltas Irmandiñas de 1467 e posteriormente reconstruído polos Freire de Andrade. Da construción consérvase a portada orixinal, de máis de dous metros de altura, decorada cos escudos das familias Andrade, Aguiar e Ribadeneira, que actualmente se atopa no Museo Provincial de Lugo.

A torre supera os 15 metros de altura, conta cunha planta cadrada de 9,35 metros e muros cun grosor de 2,25 metros. Segundo advirte Hispania Nostra, o abandono prolongado provocou a aparición de gretas, buratos e importantes danos causados pola vexetación. Ademais, un eucalipto de grandes dimensións medra apoiado nun dos seus muros, incrementando o risco estrutural. A entidade alerta de que a integridade do monumento está ameazada se non se actúa con urxencia.

Pola súa banda, o Pazo de Mundín, fundado no século XVI por Gómez Gundín, descendente dos fidalgos e administradores dos condes de Andrade, conserva íntegra a súa estrutura orixinal e constitúe un destacado exemplo de casa fidalga da Idade Moderna.

Porén, o edificio atópase actualmente nun estado de completo abandono, sen cuberta, con muros degradados e afectado por vexetación invasiva. A situación agravouse recentemente tras o derrubamento do lenzo sur da torre, o que aumenta considerablemente o risco de colapso total do conxunto.

Hispania Nostra xustifica a inclusión destes dous inmobles na Lista Vermella pola necesidade de chamar a atención sobre o seu estado de conservación e promover actuacións que permitan garantir a súa protección e recuperación antes de que os danos sexan irreversibles.

0.10684418678284